spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaO Concello de Redondela redeseña a plataforma web 'RedondelaMercaNaCasa' para posicionar ao...

O Concello de Redondela redeseña a plataforma web ‘RedondelaMercaNaCasa’ para posicionar ao comercio local

O Concello de Redondela redeseña a plataforma web 'RedondelaMercaNaCasa' para posicionar ao comercio local O Concello de Redondela, a través da Concellería de Comercio que xestiona María Castro, ultima nestes días o redeseño da plataforma web RedondelaMercaNaCasa co fin de que sexa “unha ferramenta útil que permita dinamizar e visibilizar o comercio local”. Para iso, sinala a concelleira, crearase un directorio na rede de todos os establecementos dos diversos sectores produtivos de Redondela “para englobar nun mesmo espazo ao noso comercio e posicionalo na web” como ferramenta para afrontar os tempos complexos que marca a pandemia da COVID-19

No enderezo http://redondela.gal/gl/mercanacasa os establecementos interesados atoparán un formulario para darse de alta na plataforma. O obxectivo do formulario é dobre: por unha banda trátase de que os comercios pasen a formar parte do directorio de establecementos e das campañas que se vaian realizando. Por outra banda, búscase coñecer cal é a súa situación actual, de xeito individualizado, ante a crise orixinada pola COVID.

A web será un “auténtico escaparate virtual” no que a veciñanza poderá ver cada establecemento a través de vídeos e fotos con toda a información dispoñible e se teñen ou non servizo a domicilio. Precisamente a iniciativa, sinala o Concello de Redondela, “parte do convencemento do propio comercio local de que poden ofrecer os seus produtos e servizos a domicilio”.

Esa primeira iniciativa, que buscaba poñer en contacto á veciñanza co comercio de proximidade, transfórmase agora nunha proposta máis ambiciosa e convertese nun verdadeiro escaparate no que a cidadanía poderá visitar os comercios de xeito virtual, coñecer as súas ofertas, e poder mercar a distancia.

A ninguén se lle escapa que o noso comercio “enfróntase a tempos complicados e a nosa obriga, como administración máis próxima á cidadanía, é poñer ao seu alcance as ferramentas necesarias para transformar e reverter esa situación” apunta a alcaldesa Digna Rivas que engade que “trátase de reinventarnos e co traballo conxunto de administración e tecido comercial e empresarial, atopar os medios para que o impacto desta crise sobre o noso comercio e as nosas empresas, sexa o menor posible”.

Para calquera consulta, interesados e interesadas poden remitir un correo á dirección redondelamercanacasa@redondela.gal ou nos teléfonos 986 402 664 y 986 400 300, de luns a venres de 9 a 14 horas.

Reunións co sector da hostalaría

Nesa liña de traballar xuntos para atopar solucións, o Goberno local manterá estes vindeiros días, reunións específicas co sector da hostalaría “que nesta nova situación que se da con este ‘confinamento perimetral’, vai a ser o máis prexudicado, polo que urxe atoparlle medidas concretas”.

As medidas a tomar sairán precisamente desas xuntanzas de traballo. “Dixemos aló polo mes de marzo, cando comezou esta situación tan atípica coma preocupante, que non deixaríamos a ninguén atrás e o seguimos mantendo”, afirma a alcaldesa con rotundidade “polo que agora, o urxente, é atoparlle unha solución a un sector que contribúe de xeito importantísimo á dinamización económica do municipio”.

- Publicidade -spot_img