O alcalde acompañou ao músico á tenda do CEE Juan María en Nasas para agasallalo con prendas desta marca inclusiva. “É o mellor embaixador que pode ter #JuanMaríaSinEtiquetas”, considera o alcalde
O alcalde de Nigrán, Juan González, e a edil de Educación e Accesibilidade, Estela Pérez, agasallaron onte ao músico Serafín Zubiri, de xira por Galicia, con roupa da marca inclusiva #JuanMaríaSinEtiquetas, do CEE Juan María. O cantante visitou a tenda que este centro de educación especial ubicado na parroquias nigranesa de Parada ten no Centro Comercial Nasas (Porto do Molle) acompañado polo alcalde e a concelleira. Zubiri mantén unha relación moi fluida co Concello de Nigrán tras ter ofrecido no 2020 e 2021 coa Unión Musical de Vincios sendos concertos inclusivos en Lourido e San Fiz (contaron coas mochilas vibratorias do Concellos e foron signados en vivo).
“Zubiri, pola súa propia condición de persoa invidente, ten unha especial sensibilidade coas discapacidades, polo que estaba moi interesado en coñecer este proxecto do CEE Juan María e moi orgulloso de poder promover a súa marca de roupa inclusiva. É o mellor embaixador que pode ter #JuanMaríaSinEtiquetas e, por conseguinte, Nigrán”, considera o alcalde.




