Un grupo de representantes do Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán acudíu un ano máis ao Parlamento Galego no marco do XI Foro de Participación Infantil xunto a rapazada dunha ducia de municipios de toda a Comunidade
A participación hoxe da rapazada de Nigrán no Parlamento de Galicia, no marco do XI Foro Infantil de Unicef, viu acompañada da nova que máis desexaban: o Concello de Nigrán, tras anos de intenso traballo, está xa oficialmente a un só paso de ser declarado como ‘Cidade Amiga da Infancia’. Esta disposición transitoria outorgada a Nigrán, significa que, de seguir implementando o seu ‘Plan Local de Infancia e Adolescencia’, poderá solicitar o recoñecemento como máis tardar no 2026, sendo intención do Concello facelo no 2024. A condición a outorga UNICEF España, xunto co Ministerio de Juventud e Infancia, a Federación Española de Municipios y Provincias e o Instituto Universitario de ‘Necesidades y Derechos de la Infancia y la Adolescencia’ a aqueles que superen un proceso de avaliación.
A resolución foi tomada onte en Madrid pola ‘Secretaría Permanente de iniciativa de Ciudades Amigas de la Infancia’, admitíndose en Galicia a Nigrán, Burela e Viveiro entre 25 municipios de toda España como candidatos oficiais a obter o selo CAI (outorgado de xeito bianual e cunha vixencia de 4 anos e que en Galicia dispoñen actualmente Moaña, Moeche, Redondela, Teo e Tomiño, sumando en toda España 301 entidades locais).
“Recibimos onte oficialmente a nova e non podemos estar máis contentos porque se constata o traballo feito e nos anima a continuar así para, no 2024, obter o recoñecemento oficial. Ao fin de contas trátase de seguir facendo partícipes ás crianzas e adolescentes da vida municipal, queremos darlles voz para que eles tamén teñan dereito a opinar e decidir”, explica o alcalde, Juan González, sobre este selo que, precisamente, ten como obxectivo promover o desenvolvemento, mellora e innovación continua nas políticas de infancia e adolescencia no ámbito local (por esta razón, o Concello creou no 2021 o Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán). “O selo non se consigue nun día. Levamos anos de traballo para cumplir con todos os requerimentos esixidos e agora se materializa nesta resolución”, incide González.
Parlamento de Galicia
No marco do Día Mundial da Infancia e da Convención dos Dereitos do Neno, a rapazada de Nigrán participou un ano máis no ‘XI Foro Infantil Unicef’ celebrado este mediodía no Parlamento de Galicia. Nunha sesión plenaria protagonizada por representantes de Consellos de Participación Infantil e Xuvenil de 12 municipios de toda Galicia, a rapazada reflexionou sobre a protección e a prevención da violencia.
Por parte de Nigrán acudiron 9 nenos e nenas membros do Consellos de Participación Infantil e Xuvenil acompañados do rexedor e a edil de Educación, Estela Pérez, actuando Martín Rey (IES Val Miñor) como voceiro. El foi o encargado de expor as vivencias do ‘III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente’ celebrado o 18 e 19 de novembro na Residencia de Tempo Libre de Carballiño e que o vindeiro ano terá lugar, precisamente, en Nigrán. Ali, coa axuda do ilustrador Leandro Lamas, realizaron un cuadro colaborativo co que hoxe agasallaron ao Parlamento. “Quixemos plasmar esta idea de que a participación infantil é fundamental, e reivindicar que se dea voz aos nosos dereitos, ás nosas inquedanzas e ás nosas formas de ser”, sinalou ao respecto.




