Inicio Pontevedra Baixo Miño O Concello da Guarda celebrou un pleno xuvenil con alumnos e alumnas...

O Concello da Guarda celebrou un pleno xuvenil con alumnos e alumnas do IES A Sangriña

Este venres 27 de xaneiro, pola mañá, a casa do Concello da Guarda recibiu no seu Salón de Plenos a uns representantes municipais moi especiais. Os alumnos e alumnas dos cursos de 1º e 2º da ESO do IES A Sangriña acudiron para participar nun pleno xuvenil organizado pola Concellería de Educación.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, foi o encargado de dar a benvida aos rapaces e inaugurar este pleno xuvenil. Dende o ano 2007 o concello ofrece esta posibilidade aos colexios da vila para que, por un día, os alumnos e alumnas podan ver como funciona un pleno e ser os protagonistas do mesmo. Ademais, o alcalde aseguroulles que se terían en conta as diversas e ambiciosas propostas que estaban incluídas na orde do día e recordoulles, antes de dar comezo ao pleno, que as portas da Casa do Concello están sempre abertas e que poden acudir cando o desexen.

Durante o pleno os alumnos e alumnas fixeron a labor de equipo de goberno e de representantes municipais, ademais de acudir como público. Os representantes dos partidos políticos presentaron durante a mañá as diversas propostas e, entre os temas que se trataron na orde do día houbo asuntos tan variados como a compostaxe doméstica, a limpeza das rúas e praias, as melloras e reformas do mobiliario urbano e das instalacións deportivas e de recreo, a rede de WiFi gratuíta da vila ou a iluminación viaria, entre outros.

Unha vez rematada a orde do día, deuse paso á quenda de rogos e preguntas, primeiro para os membros da corporación e logo para o público. Durante as intervencións, tanto dos alumnos que exercían de representantes municipais como dos que estaban como público, os participantes crearon un debate no que amosaron un gran entusiasmo e implicación, en especial cos temas relativos ás instalacións deportivas da vila, sobre os que todos os presentes querían expresar as súas opinións e propostas.

Por último, o alcalde da Guarda encargouse tamén de pechar esta xornada cunhas verbas de agradecemento e felicitación pola súa participación. Ademais, afirmou que dende o concello estiveron moi atentos aos diversos temas tratados no pleno e que  se terán en consideración e se traballará para poder levar a cabo algunhas destas interesantes propostas.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
290SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies