spot_img
InicioGaliciaO Comercio Xusto cumpre 30 anos

O Comercio Xusto cumpre 30 anos

o-comercio-xusto-cumpre-30-anosEn 1986 abrían as dúas primeiras tendas de Comercio Xusto do Estado en Donostia, da man de Emaús, e en Córdoba, pola cooperativa Sandino, hoxe IDEAS. Pero desde os anos 70 varias organizacións viñan desenvolvendo iniciativas de comercio directo con grupos de artesáns de Asia e América Latina. Actualmente, no Estado existen máis de 140 tendas e puntos de venda e 12 tendas on-line, a maioría xestionadas por organizacións integradas na Coordinadora Estatal de Comercio Xusto. Estas conviven con outras canles de distribución como grandes superficies, cadeas de hostalería e outros comerciantes polo miúdo.

Nos 90 inauguráronse gran parte das actuais tendas. No 2000 a primeira análise de vendas mostraba unha facturación que apenas alcanzaba os 7 millóns de euros que en 2014 xa ascendía a 33,2 millóns de euros. Nestes anos a gama de produtos ampliouse e cambiou o consumo: se no 2000 a metade do que se vendía era artesanía, hoxe o 90% é alimentación.

Paralelo á comercialización, as organizacións de Comercio Xusto desenvolveron un importante labor de sensibilización e difusión a través de accións en centros educativos e campañas, coa finalidade de dar a coñecer a desigualdade global e as situacións de inxustiza que sofren os traballadores e as traballadoras en América Latina, África e Asia e fomentar un consumo máis responsable e sustentable.

Doutra banda, o traballo en incidencia política conseguiu algúns logros como a aprobación de proposicións non de lei de apoio ao Comercio Xusto. Tamén se avanzou na incorporación do Comercio Xusto nas compras das administracións públicas, pero aínda é insuficiente.

O Comercio Xusto xurdiu no noso país pola preocupación ante a pobreza na que vivían 3000 millóns de persoas a finais dos 80 e as inxustizas do comercio internacional. Hoxe a pobreza continua afectando a mil millóns de persoas e a desigualdade aumentou. Segundo o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), o 80% da poboación mundial posúe o 6% da riqueza global mentres que o 1% posúe a metade desta riqueza. Ademais existen 830 millóns de traballadores pobres, é dicir, que viven con menos de 2 dólares ao día. O traballo infantil afecta a 168 millóns de nenos e nenas. Estas inxustas realidades motivan ás organizacións de Comercio Xusto a continuar traballando para combatelas.

- Publicidade -spot_img