O centro escolar do Val Miñor recibirá 3.000 euros por “A auga”, peza audiovisual que foi seleccionada como a mellor da provincia neste concurso, enmarcado nun proxecto de busca de solucións para a xestión dos recursos hídricos
O Colexio Estudio de Nigrán vén de gañar o Premio Escolar Innovaugas 4.0 da Xunta de Galicia, un galardón que busca incentivar a educación ambiental entre a mocidade, en concreto no relativo á promoción dun uso responsable da auga. A peza audiovisual “A auga” do centro do Val Miñor foi escollida como a mellor da provincia de Pontevedra, mérito polo que o Colexio Estudio recibirá un premio de 3.000 euros.
O vídeo elaborado pola escola nigranesa, de menos dun minuto de duración e pensado para a súa difusión nas redes sociais, tal e como esixían as bases do concurso, foi elaborado polo alumnado do 2º de Primaria.
“A auga” explica as mudanzas na relación das persoas cos recursos hídricos ao longo dos anos e como as novas tecnoloxías axudan a xestionar e coidar deste recurso tan valioso, e cada vez máis limitado, de forma sostible. Para isto, o alumnado aporta consellos como pechar a billa ao lavar os dentes, ducharse en lugar de bañarse ou regar a certas horas do día, ao tempo que desaconsella tirar refugallos que contaminen a auga.
O Colexio Estudio foi o gañador de entre catro finalistas da provincia de Pontevedra, xunto co CPR Manuela Rial Mouzo de Cee pola Coruña, o CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove por Lugo e o Colexio Carmelitas de Ourense.
Ademais do premio en metálico, os alumnos das 16 aulas finalistas (catro por provincia) recibiron como agasallo un bidón de auga feito con plástico reciclado para fomentar no seu día a día o aprendido durante o proxecto.
Innovaugas 4.0
Os Premios Escolares Innovaugas 4.0, convocados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia en conxunto coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, buscan promover entre os máis pequenos e pequenas os bos hábitos no emprego da auga e o coñecemento dos ecosistemas hidrolóxicos e como lles afecta o cambio climático.
Trátanse dun labor de concienciación ao abeiro do proxecto Innovaugas 4.0, posto en marcha pola Xunta de Galicia, que consiste nunha pescuda de novas solucións para a xestión integrada das augas, a optimización dos recursos hídricos e a resposta ás diferentes demandas deste elemento na actualidade de forma sostible.
Este proxecto conta cun orzamento de 7 millóns de euros, cofinanciado ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE). Foi seleccionado para levarse a cabo polo Ministerio de Ciencia e Innovación no 2020, a través do cal recibe 4,2 millóns de fondos europeos e está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 millóns de euros.
O nome completo da iniciativa é “Innovaugas 4.0, Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos”. Supón un marco de acción que engloba numerosos proxectos en consonancia co medio natural e os ecosistemas fluviais, e que respecten os obxectivos ambientais establecidos para os mesmos, ao tempo que comprenden os novos escenarios que presenta o cambio climático.
Nesta liña, inclúense en Innovaugas 4.0 distintas solucións tecnolóxicas que permiten xestionar os datos e a capacidade de predición das inundacións ou as secas, ao tempo que garanten a protección do medio e das persoas; ou o desenvolvemento dun sistema optimizador do consumo enerxético e da calidade de auga das depuradoras. Este último exemplo materializarase a través dun proxecto piloto nas plantas de Nigrán, Baiona e Gondomar para cubrir o maior rango de procesos habituais deste tipo de instalacións.
Innovaugas 4.0 foi galardoado como mellor iniciativa pública do sector da auga nos premios Water Europe Innovation. A través dos Premios Escolares, busca trasladar os valores tralas súas accións aos máis pequenos e pequenas, tal e como se palpa no vídeo elaborado polo Colexio Estudio de Nigrán.



