
O Centro comeza a súa andaina xerando actividade no sector aeroespacial por valor de máis de tres millóns de euros
O director xeral de CINAE, o científico da ESA Antonio Castro, e o director técnico, Fernando Augado, presentaron hoxe aos membros do Padroado da Fundación ao equipo de investigadores que xa está a traballar nas novas instalacións do edificio Aeroespacial de Porto do Molle. Este primeiro grupo residente, composto por enxeñeiros aeroespaciais, de telecomunicacións, de software e industriais ten como obxectivo inmediato o desenvolvemento dos proxectos da área aeroespacial tales como o deseño e fabricación dun satélite 2O para a empresa Aistech e diversos proxectos relacionados cos avións non tripulados. O Reitor, Salustiano Matogueira e a Delegada, Teresa Pedrosa, presidente e vicepresidenta da Fundación, deron a benvida aos enxeñeiros felicitándolles por ser os pioneiros deste Centro que xa é unha referencia como motor do desenvolvemento aeroespacial no sur de Galicia.
Da súa reunión de hoxe, os vogais do Padroado da Fundación CINAE destacaron a consecución dun acordo de colaboración tecnolóxica coa empresa Aistech Space que vai contar cunha achega de capital grazas ao apoio da Xunta a través da convocatoria da GAIN de Unidades Mixtas de Investigación. Mediante este acordo a catro anos, a Xunta de Galicia achegará 700.000 euros a CINAE para o desenvolvemento dunha plataforma multimisión que será utilizada por Aistech como precursor dunha constelación de 25 microsatélites. O custo total deste satélite precursor é de 2.327.000 euros. Aistech é unha empresa do sector espacial, que vai trasladarse a Porto do Molle, cuxo principal obxectivo é obter información valiosa da terra utilizando a súa propia rede de nano e microsatélites.
Os vogais da Fundación tamén aprobaron un Plan de Actuación para o ano 2017 no que destacan tres proxectos do campo aeronáutico e o desenvolvemento dos mencionados satélites. Co obxectivo de captar o talento e fomentar as áreas de enxeñería entre a xente nova, está previsto que o próximo ano aumente a contratación de persoal para o equipo científico ata completar un grupo de aproximadamente 25 persoas. Dentro do que son as actividades fundacionais potenciarase a cooperación coas industrias aeronáuticas da área así como o apoio ás iniciativas que actualmente se están desenvolvendo no viveiro e na aceleradora de Zona Franca.
No transcurso da reunión aprobouse a renovación por un ano máis o mandato do presidente, Salustiano Matogueira, e da vicepresidenta, Teresa Pedrosa a quen o resto dos vogais agradecéronlles o esforzo e o traballo realizado durante este ano de posta en marcha da Fundación no que se conseguiron atraer iniciativas empresariais.



