O venres 27 e o sábado 28 de outubro a cidade acollerá unha mostra, visitas guiadas e proxeccións de obras do pioneiro do cinema galego, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia
A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Vigo o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse este venres 27 e o sábado 28 de outubro e inclúen proxeccións, visitadas guiadas ao Cinemóbil e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta arte nacía en todo o mundo.
Na xornada do venres 27, o MARCO acollerá pola mañá proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos que poderán tamén visitar o Cinemóbil Nº3 cos 16 paneis explicativos sobre o cineasta, nos que se aborda a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, desde as 19:00 ás 20:30 horas no mesmo espazo pasaranse de novo os filmes, esta vez cunha exhibición aberta ao público xeral.
O sábado, 28 de outubro, dende as 10:00 horas na Porta do Sol terán lugar visitas guiadas ao Cinemóbil nº3 e entre as 12:30 e as 14:00 horas haberá unha sesión vermú cun concerto da Unión Musical de Valladares. En caso de choiva trasladaranse as actividades a horario de tarde no centro veciñal e cultural de Valladares, de tal xeito que a visita guiada ao Cinemóbil tería lugar entre as 19:00 a 20:00 horas e o concerto entre as 20:00 e as 21:00 horas.
O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e por en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, Covelo, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo e Pontevedra e Marín. Despois de Vigo, continuará en O Grove, Salvaterra, Tui, Moaña, Vilagarcía e Ponteareas.
José Gil e Vigo
Vigo foi o epicentro da vida profesional e familiar do cineasta desde 1904 ata 1923 e posteriormente dende 1927 ata a súa morte en 1937. Un breve resumo podería lembrar as galerías fotográficas, as empresas cinematográficas e automobilísticas na rúa Carral 14, Príncipe 49, Sanjurjo Badía 21 e Elduayen 30. Nomeadamente as produtoras que desenvolveu ao longo do tempo, Fotografía y cinematografía Gil, Galicia Film e Galicia Cinegráfica, que ademais son as primeiras da historia do cine galego. Ademais emprendedores vigueses apoiaron o labor do cineasta mediante encargas de filmes industriais onde se aprecia a evolución urbanística da cidade e reportaxes das súas empresas. Entre os máis de cen títulos realizados en Vigo consérvanse aínda tres: Talleres Alonarti, Cinemovil reclame e Cariño.
Tamén no eido familiar Vigo será un dos grandes referentes de José Gil. Aquí faleceron as súas fillas María e Rosa, así como o propio cineasta e toda a súa familia política, sendo soterrados nunha tumba deseñada polo escultor Asorey no cemiterio de Pereiró.




