spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaO Centro de Interpretación da Batalla de Rande "Meirande" súmase á Rede...

O Centro de Interpretación da Batalla de Rande “Meirande” súmase á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

A Fábrica do Alemán - Museo Meirande de Redondela acolle a exposición «Fillos do océano»Un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias, integran xa esta rede que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo

A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (Rede REMA) amplía o seu número de integrantes, concretamente, cinco novos museos acaban de incorporarse. Por parte do GALP Ría de de Vigo – A Guarda, entra o Centro de Interpretación da Batalla de Rande “Meirande” de Redondela e pola banda do GALP Ría de Arousa, súmase o Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa, o Museo  Muiño da Seca de Cambados e o Museo  Salgadeiras de Moreiras  do Grove. Tamén se estrea na rede a “Aula  do Mar” de Mera, pertencente ao GALP Golfo Ártabro Sur.

Deste xeito, un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias, integran xa esta rede que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo. Desa cantidade, 34 pertencen a Galicia e os dous restantes están situados en Portugal e Asturias.

O Comité de Xestión da Rede REMA, presidido pola alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, foi o encargado de aprobar este xoves a adhesión dos cinco museos á rede REMA, a primeira organización especializada na posta en valor dos contidos relacionados coa cultura mariñeira atlántica europea. O obxectivo da asociación é lograr que o patrimonio material e inmaterial ligado ao mar sirva de nexo entre os diferentes pobos do arco atlántico europeo.

Os cinco museos comezarán a participar nas distintas actividades organizadas polo proxecto. Ata o de agora, a Rede REMA organizou tres circuítos de exposicións temporais, puxo en marcha unha competición para escolares baseada nun escape room virtual e editou unha guía e paneis dos seus museos. Tamén se organizaron seminarios formativos e estase levando a cabo un sorteo de cestas de produtos mariñeiros para todos aqueles que obteñan os selos de cinco museos no seu Pasaporte REMA.

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA é un proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) e promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) que ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para iso, o proxecto persegue a implantación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.

Novos contidos culturais

No marco do proxecto deseñaranse novos contidos culturais incluídos dentro da Rede REMA e difundiranse a través de seminarios e exposicións itinerantes. Estes eventos percorrerán os espazos museísticos de todos os GALP galegos. Ademais, os contidos integraranse en canles e actividades dixitais que terán como fío condutor aos membros que conforman a Rede REMA.

- Publicidade -spot_img