O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado pola Fundación CETMAR, vén de convocar preto dun cento de prazas en sete novas accións formativas no eido marítimo-pesqueiro. Estes cursos comezarán o vindeiro mes de xaneiro na súa sede no porto de Marín.
Están dirixidos tanto a parados como a persoas en activo e desenvolveranse en sesións de cinco horas de mañá ou de tarde. A inscrición está xa aberta e a súa formalización é posible a través da páxina web de Aixola ou no propio centro. A selección do alumnado realizarase a través dunha proba unhas datas antes do comezo do curso. Toda a formación impartida no centro é de balde e está encadrada no rango de formación non regulada, é dicir, non dá lugar a un certificado académico, pero acredita aos alumnos que a cursan cun diploma de adquisición de coñecementos.
Entre as accións previstas para o novo ano están “Composites. Modelismo. Modelado manual, infusión e baleiro” (600 horas). Neste curso ofrecerase formación para a manipulación de materiais empregados na fabricación de produtos da estrutura industrial (naval, acuicultura, etc). Tamén as accións de “Carpintería de ribeira” (600 horas); Instalación eléctrica de barcos” (250 horas) ou “Reparación de embarcacións pneumáticas” (300 horas). A oferta inclúe ademais “Reparacións polivalentes en embarcacións semirríxidas”, de 200 horas e que combina a formación na manipulación de materiais pneumáticos coa formación na manipulación de composites para a reparación das compoñentes de embarcacións semirríxidas. Ademais, como novidade, a oferta inclúe o curso de “Especialista manipulador en plásticos técnicos para a pesca e a acuicultura”, de 300 horas.
O denominador común de todas as accións formativas é a súa orientación práctica para a adquisición das capacidades requiridas polo mercado laboral, a través da aprendizaxe en taller, onde se realizan proxectos xurdidos de necesidades reais. O centro de formación emula o traballo das empresas cun profesor-titor e un grupo de aprendices en cada especialidade. A formación teórica necesaria para o desenvolvemento das especialidades impártese maioritariamente integrada á práctica. O obxectivo final é facilitar formación e información aos profesionais presentes e futuros do sector marítimo-pesqueiro.



