spot_img
InicioVigo e áreaVigo'O Camiño do Humor' de Luis Davila chega ao Museo do Mar...

‘O Camiño do Humor’ de Luis Davila chega ao Museo do Mar de Vigo

O Camiño de Santiago e o Xacobeo 21 estarán presentes cun apartado temático específico e un photocall, como elementos destacados dunha exposición que conta con 140 pezas coas que aproximarse á obra humorística do Bichero

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, acompañaron ao coñecido debuxante e humorista do morrazo, Luís Davila, O Bichero, na exposición O Camiño do Humor. A mostra ofrece unha escolma de 140 das súas máis destacadas viñetas coas que se enche de humor este centro museístico da Xunta de Galicia.

O titular de Cultura describiu a exposición como “unha peregrinación polas mellores viñetas de Davila” no Faro de Vigo e destacou a traxectoria e valía deste debuxante, ao que cualificou como “un mestre en facernos rir e cavilar coas cousas do día a día”, herdeiro de grandes artistas como Siro ou Xaquín Marín.

O conselleiro lembrou a que mostra ten ao Xacobeo 2021 como protagonista grazas, entre outras cousas, a un photocall temático do Camiño de Santiago, afirmando que o humor é “un eficaz medicamento sen efectos secundarios” e “o mellor embaixador posible” das Rutas Xacobeas. Rodríguez concluíu reivindicando “a retranca” como un xeito de estar no mundo e de afrontar a vida propio dos galegos.

Pola súa banda, a delegada destacou a presenza de Vigo e do Real Club Celta nas súas viñetas cómicas, e acentuou especialmente o humor ácido, crítico e intelixente de Davila. Asemade, recordou aquelas bandas protagonizadas por ela mesma e a perspicacia coa que recollía a percepción que tiña entón a opinión pública do goberno do que foi alcaldesa.

Debuxando ao vivo

No acto, Luis Davila deu boa conta do talento que atesoura realizando unha das súas célebres viñetas ante un auditorio que contemplaba a axilidade e mestría co que traballa o debuxante. Entre o público atopábase un grupo de 50 nenos de cuarto de primaria do Colexio Labor, uns dos primeiros visitantes desta mostra temporal gratuíta que poderá contemplarse no centro museístico de Alcabre até o vindeiro 12 de xaneiro no horario habitual de apertura pública.

 'O Camiño do Humor' de Luis Davila chega ao Museo do Mar de Vigo

A mostra está organizada de xeito temático baixo epígrafes como Xente de aquí, Na leira, O bicherío, Tecnoloxía, O tempo, O turismo ou O Camiño de Santiago e inclúe, como non podía ser doutra maneira, dado o lugar de exhibición, un apartado dedicado ao mar. En conxunto, ofrece un completo percorrido pola obra de Davila a través dunha escolma das súas viñetas máis salientables.

- Publicidade -spot_img