O xurado do VII Premio de Poesía Victoriano – Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañador da convocatoria deste ano o poemario O caderno amarelo, da que é autora Lara Rozados Lorenzo.
A escritora premiada
Lara Rozados Lorenzo naceu en Poio (Pontevedra) o 22 de outubro de 1982, e viviu até os seis anos en Pontevedra, despois un par de anos máis en Ferrol, e con sete foi para o Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, de onde aínda non marchou, nin quere. Estudou xornalismo e tentou doutorarse en Filoloxía Galega, traballou en Vieiros e n’A Nosa Terra, para despois deixar a prensa por un tempo para traballar no teatro, na compañía Berrobambán. Cando quedou no paro, fixo un mestrado en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, e agora anda coa tese. Traballou tamén en Sermos Galiza ou no Faro de Vigo edición Deza, como monitora en campamentos ou dando clases particulares, e traballa de forma voluntaria en asociacións coma Itaca, o Cineclube de Compostela ou Histeria Teatro, coa que está a mover dous espectáculos. Publicou algunha cousa en fanzines ou nos libros que editou o Cineclube de Compostela, Non conciliados e Pirata, pero este é o seu primeiro libro.
O Xurado do VII Premio
O xurado estivo integrado polos escritores Xosé María Álvarez Cáccamo, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Rexina Vega, Ramón Sandoval e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario.
Querémoslles dar os máis sinceros parabéns ao gañador, por acadar este galardón que goza xa dun innegable prestixio que transcende o ámbito de Galicia, e aos promotores, que fomentan de forma efectiva a creatividade poética nos máis altos niveis do sistema literario galego.



