A súa plena operatividade está prevista para primavera/verán de 2026, contando coa cesión dun punto de amarre céntrico por parte da APV, o que permitirá ultimar os preparativos
Nun xesto de apoio á ciencia mariña e á investigación que se desenvolve desde a Universidade de Vigo, a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) cedeu, nun acto presidido polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o presidente da APV, Carlos Botana e o director do CIM, Daniel Rey, un punto de amarre céntrico e dotado de subministración eléctrica ao novo buque oceanográfico CIM UVIGO, a primeira embarcación profesional construída en España con propulsión híbrida enchufable. O buque atópase neste intre na súa fase final de posta a punto e entra agora nun período de optimización de manobras e protocolos, previo á súa plena operatividade prevista para a primavera/verán de 2026.
Construído cunha axuda de infraestruturas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), concedida ao Centro de Investigación Mariña (CIM), o CIM UVIGO está a ser equipado con instrumentación científica financiada pola Xunta de Galicia e fondos FEDER. Con 19,5 metros de eslora e un deseño orientado a misións científicas multidisciplinares de alcance rexional, o buque construído por Rodman Polyships, ten un sistema híbrido que se complementa con paneis solares e aeroxeradores, o que o converte nunha plataforma altamente eficiente desde o punto de vista enerxético e ambiental.
Un recurso importante para a nova etapa do barco
A dispoñibilidade dunha atracada estable no porto vigués permitirá completar os traballos previos á fase de optimización operativa do buque, facilitando tanto a loxística de preparación como a carga eléctrica das súas baterías, fundamentais para operar en modo de navegación silenciosa e sen emisións, ao tempo que reforza a colaboración entre o Porto de Vigo e a Universidade de Vigo e posiciona á cidade como un polo destacado no desenvolvemento da investigación e innovación mariña.
Neste sentido, o reitor da UVigo lembraba este mediodía que “xusto esta semana liberábanse os datos do ranking de Shanghai que fan referencia a distintas temáticas e de novo en investigación mariña a UVigo ocupa postos de relevancia o que no sería posible sen o talento, pero tamén sen a axuda das institucións”. Reigosa agradeceu a relación coa APV, que cualificou de “exemplo de boa colaboración institucional” e confirmou que se seguen a dar pasos para pechar o tema da ETEA. “Os nosos investigadores e investigadoras fannos sentir moi orgullosos e sentímonos moi agradecidos ás administracións que nos están a axudar e loxicamente á APV”, dixo o reitor.
Pola súa banda, o presidente do Porto referiuse á cesión do punto de amarre como un froito da colaboración que manteñen coa UVigo desde hai anos. Botana sinalou a sorte de “ter este buque verde que vai na liña da estratexia de ser un Porto Verde da UE e que reforza ese vínculo en seguir a traballar en distintos proxectos e ao final converter o Porto e a cidade nese laboratorio vivo que das ciencias mariñas e a economía azul”. Carlos Botana gabou o talento científico da institución viguesa e destacou a sorte de ter “esta universidade das ciencias e da tecnoloxía. E este buque é referente indiscutible desa aposta que ten a Universidade, tanto polas enerxías limpas, como pola oceanografía e os nosos océanos”.
Preparado para a optimización operativa
Durante os próximos meses o buque realizará probas técnicas, manobras, axustes de seguridade e validación de protocolos, procesos esenciais para garantir que o barco estea plenamente operativo e listo para afrontar campañas científicas en 2026. Esta fase permitirá calibrar os equipos oceanográficos, comprobar a resposta do sistema híbrido, ensaiar manobras específicas e validar os procedementos de traballo a bordo.
“Aínda faltan moitas pezas para que o buque estea totalmente operativo, pero penso que para primavera poderemos facer xa a primeira campaña”, detallou Daniel Rey, director do CIM, que confirmou que o buque tamén estará dispoñible para todas administracións. En canto as súas funcións serán “oceanográficas, podendo facer exploración sismoacústica e xeofísica, mostraxe de sedimentos de toda columna de auga e da biota, tanto no fondo, como a que está no bentos”, detallou Rey, que confirmou que en canto ao equipamento o que falta é a posta a punto do sistema acústico para poder facer batimetrías, para o que dispoñen de fondos da Xunta de Galicia, de xeito que no verán podería estar totalmente operativo.
Dotado con guindastre, pórtico, chigre e capacidade para despregar redes, rosetas e outros sistemas de observación e mostraxe, o CIM UVIGO será unha infraestrutura de referencia para o estudo do océano. A súa habitabilidade permite acoller durante tres días ata 12 persoas entre tripulación e persoal investigador.
O director do CIM considera que o barco “abre moitísimas posibilidades nun dos eixos do Centro de Investigación Mariña que é a observación e dalgún xeito é a nosa contribución, a contribución da UVigo á Década dos Océanos, ao ODS 14 que é Vida Mariña”. A súa zona de traballo, como confirmou Rey, será a costa galega, cunha capacidade operativa de profundidade duns 200 metros, o que “nos permitirá poder chegar ao cantil para traballar alí con todas condicións de seguridade, por iso é tan imporante que teña unha velocidade punta importante que nos permita escapar cando nos colla lonxe de costa a un porto de refuxio”. O director do CIM considera que este buque cobre ademais un baleiro entre os grandes e os pequenos buques oceanográficos ao permitir saltar dunha ría e ter unha autonomía de tres días. Rey cifrou nun 2.3 millóns de euros o investido ata o momento no buque e ao que haberá que sumar o importe que se derive da contratación da tripulación.
Ao servizo da comunidade científica internacional
O buque será xestionado polo CIM a través da plataforma LIMS da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) e estará dispoñible tanto para os grupos de investigación da Universidade de Vigo como para institucións nacionais e internacionais. A súa integración na rede europea EMBRC-ERIC garante ademais que esta nova infraestrutura poida poñerse ao servizo da comunidade científica internacional, reforzando o papel de Vigo como referente en investigación mariña.
Fonte:UVigo
Fotos:UVigo



