O Goberno de Nigrán comprometéuse á infancia para integrar as súas demandas na política municipal
O Auditorio do Concello de Nigrán acolleu hoxe o seu primeiro pleno infantil, composto por 17 ‘concelleiros’ de sexto de primaria do colexio de educación especial Juan María e de centros públicos do municipio (CEIP Humberto Juanes, Mallón, Da Cruz, Carlos Casares).
A sesión estivo presidida polo alcalde, Juan González, e a tenente de alcalde, Raquel Giráldez. Preto dun centenar de compañeiros de clase exerceron como público e participaron activamente nos ‘Rogos e preguntas’. A súa celebración se enmarca nun dos primeiros pasos do Concello de Nigrán de cara a obter en 2016 o selo de recoñecemento como “Cidade Amiga da Infancia’, outorgado por Unicef e aínda sen ningún concello galego distinguido como tal. “Este é o primeiro pleno infantil, pero comprometémonos a que sexa habitual porque queremos contar coa voz dos nenos e nenas de Nigrán para facer unha política municipal que sempre leve por diante o noso lema de ‘Un Nigrán para Todos’”, sinalou González.
Durante a sesión, que comezou ás 12.00 e se alongou ata as 13.30, os edís de cada centro expuxeron a súa visión sobre algúns dos dereitos recollidos na Convención dos Dereitos do Neno (Unicef facilitoulles material co que estiveron traballando en clase as últimas semanas). Así, o CEIP da Cruz (Camos) tratou a ‘Protección’, o CEIP Carlos Casares a ‘Educación e o Xogo’, o CEE Juan María ‘Saúde e discapacidade’ e o CEIP Mallón Igualdade e participación. Finalmente, a sesión pechouse cos clásicos “Rogos e Preguntas, nas que os nenos pediron que se conte coa súa opinión, máis parques infantís en Nigrán, mellor calidade da comida do comedor escolar… Ducias de preguntas que o alcalde se comprometeu a resolver e algunhas moi complicadas e específicas, como por que EEUU non ten asinada a Convención dos Dereitos do Neno.
Dende o Centro Juan María agradeceron ao Concello o seu apoio no proxecto conxunto de ‘Un Nigrán para todos’, que busca eliminar barreiras físicas e sensoriais no municipio, e ao mesmo tempo demandaron unha información electoral comprensible para todos que lles facilite ao maiores de 18 decidir a quen votar.
Rematado o pleno, Concello e centro Juan María repartiron globos verdes entre os asistentes, símbolo do Día Internacional da Discapacidade que se celebra hoxe.




