spot_img
InicioVal MiñorNigránO Auditorio Municipal de Nigrán acolle a mostra «Oficios entre lusco e...

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle a mostra «Oficios entre lusco e fusco» do fotógrafo Xosé Abad

«Oficios entre lusco e fusco»ABANCA, Afundación e o Concello de Nigrán inauguraron esta mañá a exposición «Oficios entre lusco e fusco», do fotógrafo Xosé Abad, no Auditorio Municipal de Nigrán.

O acto de inauguración contou coa presenza do autor das fotografías expostas, Xosé Abad, quen ofreceu unha visita comentada; o alcalde do Concello de Nigrán, Juan Antonio González; o director da oficina ABANCA en Nigrán, Amable Manuel Currás; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.

As fotografías que a conforman mostran oficios tradicionais que están a piques de desaparecer e teñen como obxectivo facer reflexionar sobre a desaparición de moitas destas profesións debido á mecanización do traballo e a produción en masa no ámbito da sociedade de consumo, ensinando como a calidade da produción, a experiencia como garantía ou a consideración cara aos profesionais son valores que están en claro retroceso. De entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o vindeiro 23 de xuño en horario de 12:00 a 14:00 h e de 18:00 a 21:00 h..

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a esta iniciativa, Afundación impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

A MOSTRA E O ARTISTA

«Oficios entre lusco e fusco» conta a través da fotografía a historia de cada protagonista. Utiliza a luz, a mirada, a roupa, o traballo e todos os elementos que reflicten o modo de vida nun momento de cambios e novidades tecnolóxicas diarias, de consumo rápido e fabricación urxente. O traballo de Xosé Abad permite contemplar moitas profesións que nalgúns anos só permanecerán nos libros de historia como é o caso de tipógrafos, reloxeiros, carpinteiros de ribeira ou fareiros. En definitiva, esta serie eríxese como un «último raio de luz antes de que o saber, a súa influencia e modo de entender o mundo desapareza». O autor utiliza un esquema de iluminación acorde con ese momento do día, que ademais dá nome á propia exposición. Cuns claroscuros que lembran á obra de Caravaggio, Xosé Abad suxire espazos e ferramentas, define o lugar de traballo, documenta a presenza de universos onde se funden o privado e o laboral. «Oficios entre lusco e fusco» é testemuña gráfica dos últimos tempos da coexistencia de dous modos de produción moi diferenciados. É, pois, a documentación da desaparición gradual do «traballo ben feito, a personalización do trato e a orixinalidade de cada peza».

Xosé Abad, natural de Figueres, iniciou a súa andaina profesional como fotoxornalista en diversos medios de comunicación na década dos oitenta. A súa obra foi exposta en diversas localidades galegas e diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diferentes premios polo seu traballo e traxectoria. Ademais, coa súa obra o artista colaborou con diferentes ONG galegas e latinoamericanas. Desde o seu estudo realiza traballos de fotografía industrial e publicitaria, moda ou retrato. Como fotógrafo recibiu galardóns como o I Certame de Creación Fotográfica Luís Ksado ou o Premio Pardela de Comunicación á traxectoria profesional, entregado polo Club de Amigos da Unesco. Na súa actividade cinematográfica dirixiu varios documentais premiados en diferentes certames, sendo os máis actuais Isaac, O segredo da Frouxeira e A pegada dos  avós.

- Publicidade -spot_img