spot_img
InicioGaliciaO alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, preside en Valencia...

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, preside en Valencia a asemblea da Confederación de Fondos de Cooperación a nivel estatal

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego dende 2015, Juan González, presidiu hoxe en Valencia a asemblea ordinaria da ‘Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad’, á que asistiron representantes de tódolos fondos de España xunto a Manuel Alcaraz, conseller de Transparencia, Responsabilidad Social, Participación e Cooperación da Generalitat Valenciana.

Neste encontro, ademais de acordar fortalecer a función da confederación, aprobáronse os orzamentos de 2018 e un plan de actividades conxuntas destinado fundamentalmente a coordinar traballos, levar adiante plans de formación e intercambio de experiencias ou darlle maior visibilidade á propia confederación.

“Nos próximos anos temos por diante o difícil, pero non imposible, reto de acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU, e precisamente apostamos polo traballo en rede para conseguilo. Paralelamente, esta é a mellor imaxe que podemos proxectar de Nigrán cara ao exterior: un municipio que se preocupa polas desigualdades e que mesmo asume responsabilidades a nivel nacional para loitar na súa erradicación. Para o Concello de Nigrán presidir a Confederación é unha honra e unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o noso traballo”, sinala González, quen se amosa especialmente orgulloso de liderar esta iniciativa, xa que como el mesmo destaca, a súa traxectoria profesional está dende sempre vinculada á cooperación, dirixindo a Fundación Érguete durante os últimos 17 anos ou asumindo no goberno de Nigrán a carteira de Servizos Sociais.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade preside dende 2017 a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, unha institución que funciona como marco de coordinación e de representación conxunta dos distintos Fondos de Cooperación e Solidariedade existentes no Estado español en todas as temáticas que, pola súa importancia, afectan os seus intereses comúns.

- Publicidade -spot_img