Esta instalación de gas natural, en funcionamento dende decembro, permitirá mellorar o confort térmico e a eficiencia enerxética do centro
O alcalde de Nigrán, Juan González, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves e o xefe territorial de Educación, César Pérez, visitaron esta mañá o novo sistema de calefacción do CEIP Humberto Juanes, posto en funcionamento no mes de decembro en colaboración entre o Concello de Nigrán e a Xunta de Galicia.
As obras, que contaron cun orzamento de 57.000 euros, comezaron en agosto e concluíron en xaneiro, despois de que o Concello denunciase ante a Xunta o incorrecto funcionamento da antiga instalación de gasoil, que causaba un exceso de consumo de combustible.
Os traballos centráronse no cambio de combustible de gasóleo a gas natural, na caldeira de primaria e infantil, a distribución dentro da parcela da liña de alimentación de gas natural, o desdobramento dos circuítos de calefacción en norte-sur, administración e ximnasio, e tamén en mellorar a regulación cunha nova central de regulación.
En total, substituíronse tres caldeiras de gasóleo por unha instalación de gas natural, o que permitirá mellorar o confort térmico dos usuarios do centro, reducirá as emisións de CO2 e suporá un aforro enerxético dun 60% en kWh/ano, segundo aseguraron durante a visita os técnicos da Unidade Técnica de Educación, Juan Manuel Martínez e Juan Ínsua.
“Gracias a esta actuación, agora pódese independizar a climatización dos distintos espazos, tanto no conxunto das aulas, como das oficinas, o pavillón e o centro infantil”, declarou González, e engadiu:”Desta forma, mellórase a eficiencia enerxética, o que redundará nunha reducción do gasto que xeraba a antiga caldeira”
Nos últimos anos e dende a Xunta de Galicia foron varias as intervencións feitas neste centro escolar solicitadas pola dirección, acometeuse a construción de aseos para discapacitados así como a renovación do pavimento do ximnasio, obras nas que se investiron 25.000 euros.
A oportunidade da visita tamén permitiu que a directora do centro mostrase ao delegado da Xunta as instalacións do CEIP e compartir momentos de conversa con alumnos que alí cursan os seus estudos.
Finalmente o rexedor de Nigrán aproveitou para trasladarlle ao xefe territorial a súa preocupación pola presenza das fibras de amianto e de vidro nos falsos teitos do IES Val Miñor e aproveitou para entregarlle un informe coas deficiencias rexistradas no IES Escolas Proval, incidindo na limitada conexión a internet que sofre o centro.
Pola súa banda, César Pérez anunciou que a vindeira semana se reunirá coa comunidade educativa do instituto Val Miñor para revelarlle as conclusións dos estudos realizados no centro. Así mesmo, compremetuse a buscar unha solución aos fallos de conexión do IES Proval ao longo deste ano.




