spot_img
InicioGaliciaNove historias premiadas no II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega...

Nove historias premiadas no II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal 

Nove historias premiadas no II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal O II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal premia nove historias de menos de 200 palabras

“A fiestra” é historia gañadora do primeiro premio na modalidade de adultos do II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. A súa autora, Jessica Rodríguez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, só precisou 85 palabras para crear o impactante relato que abre a publicación dixital que xunta os nove textos gañadores da convocatoria, á que concorreron preto de medio milleiro de propostas. Os galardóns foron entregados esta no salón de actos da RAG, onde a logopedista e as demais persoas galardoadas foron convidadas a ler cadansúa narración, dispoñibles nesta ligazón. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, Manuel González, agradeceron a súa participación e a de todas as persoas que concursaron nun certame que ten como obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.

Os premiados recibiron os galardóns de mans de Víctor F. Freixanes, Manuel González, a académica correspondente Mercedes Queixas e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, todos eles membros do xurado. Alén da publicación dos microrrelatos, o concurso inclúe diferentes premios de perfil tecnolóxico, desde un MacBook Air a libros electrónicos e, no caso dos primeiros e segundos premios de cada categoría, un dominio .gal gratuíto durante un ano.

O primeiro premio na modalidade xuvenil foi para o relato “Cacería nocturna”, do coruñés Óscar Fernández Freire, alumno de bacharelato do Colexio Eirís. A súa é unha historia de 116 palabras que non é o que parece e que consegue arrincar un sorriso final. Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, mereceu pola súa parte o primeiro premio da modalidade de infantil por “O valor dos nomes”, 192 palabras sobre a importancia de lles dar na infancia nome propio a aquelas cousas que máis se aprecian.

Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para “A primeira palabra”, un texto que mira o futuro da lingua con optimismo asinado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado, por “Black Friday”, unha historia que convida á reflexión sobre as traxedias vitais da inmigración irregular.

Martina Lois Cuns, estudante de bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, mereceu o segundo premio na modalidade de xuvenil por “Un día máis”, apenas 83 palabras que colocan o lector desde a primeira persoa na pel dunha vítima de abusos sexuais; e Cristina Fojo Rubio, alumna do bacharelato do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, gañou o terceiro con “O amigo mar”, un drama con final feliz.

O xurado tamén distinguiu co segundo e o terceiro premio da modalidade de infantil os relatos “A fada Every”, de Alba Díaz Mera, alumna de sexto de primaria do CEIP A Gándara de Narón; e “O can enxesado”, de Pablo Mirás Sánchez, estudante do mesmo curso no CEIP de Rebordáns de Tui.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.