spot_img
InicioVal MiñorBaionaA nova Biblioteca de Baiona adicará o seu patio aos peregrinos do...

A nova Biblioteca de Baiona adicará o seu patio aos peregrinos do Camiño Xacobeo

nova-biblioteca-municipal-baiona-abrira-ao-publico-vindeiro-outonoO Concello habilita unha entrada para que os camiñantes visiten o edificio barroco, onde existe a figura do Apóstolo, e selen a credencial

O Concello de Baiona habilitará a zona interior das novas instalacións do Arquivo e Biblioteca Pública Municipal “Sancti Spiritus” como Patio dos Peregrinos para que todos os camiñantes que percorren a ruta xacobea ao seu paso pola Vila poidan visitar a figura do Apóstolo e selar a súa credencial co fin de obter a Compostela en Santiago.

O rehabilitado edificio de Sancti Spiritus, do século XVII, dispón dun patio interior que estará accesible aos peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. “Trátase dunha estrutura arquitectónica de planta cadrada, unha das máis antigas da construción, xa que este patio centralizaba as antigas dependencias do Hospital Sancti Spiritus ás que se podía acceder mediante unhas escaleiras en pedra que aínda hoxe consérvanse situadas en dous puntos diferentes do patio”, explica Cristina Vilar, directora do Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona.

O mencionado atrio terá acceso directo dende a rúa Manuel Valverde, lugar polo que pasa o trazado do Camiño do Santiago, e os peregrinos poderán acceder ata o lugar no que se atopa as efixies do Apóstolo, no alta dunha das escaleiras, e do Espírito Santo, no centro do patio.

“Estamos a falar dunha das xoias do patrimonio cultural de Baiona e queremos que os camiñantes poidan ter entrada para que desfruten do conxunto arquitectónico e tomen tamén un descanso á vez que selan a súa credencial en ruta a Compostela”, apunta o alcalde, Ángel Rodal.

Segundo relata Cristina Vilar no seu informe histórico do patio, dende este lugar se contemplar parte da fachada Norte da Igrexa Medieval de Santa María, ofrecéndonos “unha perspectiva que fai integrarnos no corazón máis antigo do núcleo urbano de Baiona”.

Engade a directora que “presidindo este fermoso patio” atópase unha figura do Espírito Santo que podería ser “unha das esculturas exentas máis antigas que  conservamos en Baiona” e destaca o pedestal en pedra, con dous pés de columnas, a modo de ara ou altar.

A rehabilitación do edificio para a construción do novo Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona, financiada polo Ministerio de Fomento, xa rematou este mes de xullo e durante o verán levarase a cabo a colocación do mobiliario para que as instalacións poidan estar abertas ao público o vindeiro outono.

Informe Histórico (Autora: Cristina Vilar)

O edificio Sancti Spiritus, unha das construcións barrocas coas que conta a Vila de Baiona foi un antigo hospital medieval que, tras estar en dous lugares diferentes con anterioridade, foi situado de maneira definitiva neste lugar xa con toda seguridade desde 1671 cando foi adquirida a Dona Grimanesa Pereira de Castro unha casa con horta para destinala a Hospital. No ano 1679 págaselle ao canteiro Domingo Fernández 816 reais, para facer a entrada da porta principal ao hospital e a parede da fachada principal, onde atopamos unha espadana, con ornamentación barroca, dúas volutas flanquean a estrutura que sostén a campá onde vemos as liñas horizontais crebadas, así como unha esfera no máis alto xerando efecto de inestabilidade.

Desde a rúa Manuel Valverde, ao pé do camiño de Santiago, accedemos ao patio interior. Trátase dunha estrutura arquitectónica de planta cadrada, unha das máis antigas da construción, xa que este patio centralizaba as antigas dependencias do Hospital Sancti Spiritus ás que se podía acceder mediante unhas escaleiras en pedra que aínda hoxe consérvanse  situadas en dous puntos diferentes do patio. Desde este lugar podemos contemplar parte da fachada Norte da Igrexa Medieval de Santa María, ofrecéndonos unha perspectiva que fai integrarnos no corazón máis antigo do núcleo urbano de Baiona.

Neste patio barroco consérvanse hoxe en día dúas esculturas en pedra, a de Santiago e a do Espírito Santo. Cada unha delas, representa o recordo das dúas respectivas Confrarías propietarias dos dous Hospitais, o de Sancti Spiritus e a de Santiago. A primeira a de Santiago, realizada nunha soa peza de pedra tosca, representa ao Apóstolo Santiago, cos tributos do peregrino, chapeu coa cuncha, bastón, cabaza e portando un libro en man esquerda transmitindo o evanxeo.

Pola súa situación apréciase que o seu actual emprazamento non é o orixinal. Debeu de pertencer ao antigo Hospital de Santiago. A Confraría de Santiago, cedeu en 1796, o edificio e horta que tiña encostada ao Hospital. Outro recordo xacobeo presente no edificio Sancti Spitirus, é unha cruz antefija de Santiago que se conserva na metade do muro da fachada oeste.

A outra peza que atopamos no centro, presidindo este fermoso patio do actual Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal de Baiona, é a escultura de vulto redondo que representa a imaxe da Trinidade. A iconografía de Deus pai creador no trono, portando a cruz co seu fillo crucificado que nos lembra ás Trinitá do Renacemento. Esta peza áchase sobre un pedestal en pedra, con dous pés de columnas, a modo de ara ou altar.

O habitual nesta iconografía é representar o espírito santo tras eles, nesta peza, que vemos a súa ausencia, puido perderse ou tratarse unha vez máis dunha escultura creada para outro sitio e posta neste lugar a posteriori, se temos en conta que o Hospital Sancti Spiritus, estivo como diciamos antes noutros puntos distintos. Podería tratarse dunha das esculturas exentas máis antigas que se conservamos en Baiona e pertencer sempre á institución do Hospital.

- Publicidade -spot_img