Apagaranse as luces do edificio consistorial, as prazas da Constitución e Castelao, o paseo marítimo de Panxón e a alameda de A Ramallosa
O Concello de Nigrán súmase por primeira vez á campaña “A Hora do Planeta” apagando as luces dos espazos máis significativos do municipio, nun xesto solidario para a conservación do medio ambiente. A iniciativa, convocada polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF) para este sábado dende as 20.30 ás 21.30 horas, constitúe a maior campaña de movilización ambiental da historia, e este ano ten un carácter máis simbólico se cabe, despois do ambicioso acordo contra o cambio climático adoptado por 195 países no Cumio de París (COP21), o pasado mes de decembro.
O municipio súmase así á campaña promovida polo Fondo Mundial para a Natureza como un xesto simbólico da loita contra o cambio climático
O Concello de Nigrán quere contribuír á loita pola preservación do Planeta apagando durante unha hora a iluminación do edificio consistorial, as prazas da Constitución e Castelao, a alameda de A Ramallosa e o paseo marítimo de Panxón, sendo o cuarto de toda a provincia de Pontevedra que participa nesta proposta mundial.
O municipio xa figura na páxina web da Hora do Planeta como partícipe da iniciativa. Ademais disto, o Goberno de Nigrán realizou unha proposta de moción contra o cambio climático co obxectivo de presentala no próximo pleno municipal aos demais representantes da corporación e onde se recollen distintos compromisos na redución de emisións e de eficiencia enerxética da localidade.
“Este xesto simbólico vai máis alá do apagado de luces, o que busca WWF e nós uníndonos a este tipo de propostas, é focalizar a atención da cidadanía no medio ambiente e promover outro tipo de accións ao longo do ano encamiñadas a favorecer a protección da natureza e o aforro enerxético en Nigrán”, aclara o alcalde de Nigrán, Juan González.





