Ibon Gurrutxaga, Xabier Ayestarán, Audrey Pascual, Marcos Tapia, Sarah Almagro, María Martín Saraiba, Carlos Dopico, Aitor Francesena, Ander Goenaga, Carmen López e Celia Gramse conquistan o cetro nacional nas súas respectivas modalidades
A praia de Patos, no concello de Nigrán, converteuse este pasado sábado 25 de setembro na festa da inclusión, deportividade e competición ao albergar a súa primeira edición do Campionato de España de Surf Adaptado (o internacional, previsto para o domingo, trasladouse a Portugal pola falta de ondas). O evento, cunha das participacións máis altas da súa historia, deixou como novos campións nas súas respectivas categorías a: Ibon Gurrutxaga, Xabier Ayestarán, Audrey Pascual, Marcos Tapia, Sarah Almagro, María Martín Saraiba, Carlos Dopico, Aitor Francesena, Ander Goenaga, Carmen López e Celia Gramse.
“Foi unha fin de semana emocionante, con decenas de deportistas entusiasmados e que nos deron a todos unha lección de vida e de superación”, destaca o alcalde de Nigrán, Juan González, quen avanza que propuxo xa á Federación Española e Galega de Surf que Patos volva ser sede en 2022 do campionato galego, nacional e internacional. “Somos un concello coñecido en Galicia polo surf e en toda España polas nosas políticas de inclusión levadas a cabo grazas ao equipo interdisciplinar ‘Un Nigrán para todos’, por iso non pode haber maior orgullo para esta localidade que acoller este campionato e que sexamos un referente tamén de deporte e inclusión e, en concreto, de surf adaptado”.
E como mostra un botón, o surf adaptado en España non para de crecer en número e en repercusión. Hai un ano o equipo español proclamábase campión do mundo e en escasos dous meses volverá a California a tratar de revalidar o título.
Dentro deste evento, o Concello ofreceu senllas charlas no IES Val Miñor e no Auditorio Municipal de Aitor Francesena ‘Gallo’, surfeiro invidente que revalió o título nacional en Patos (é tamén campión mundial). “As sensacións de surfear con vista e cego son completamente diferentes, estando cego é brutal, multiplícanse e énchenche, son satisfaccións diferentes porque agora tes que estar totalmente atento ao mar, ao que che está dicindo cada onda, é case a túa única referencia”, explica.
“Deime conta de que non me mareaba, e a partir de aí empecei a practicar con táboas máis grandes e adaptadas á miña realidade, hoxe surfeo como calquera persoa sen discapacidade”. Aitor ‘Gallo’ ( Zarautz, 1970) é un pioneiro en moitos sentidos no mundo do surf: por abrir a primeira escola de surf do país en 1988 e ser o primeiro adestrador neste deporte tamén a nivel estatal (foi tamén seleccionador nacional) cando aínda conservaba a vista nun dos seus ollos, e despois, nunha segunda etapa da súa vida xa completamente cego, por alcanzar o campionato nacional, internacional e mundial de surf adaptado na categoría invidente.



