spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán culmina o estudo da microtoponimia das súas sete parroquias

Nigrán culmina o estudo da microtoponimia das súas sete parroquias

Nigrán culmina o estudo da microtoponimia das súas sete parroquiasFinaliza un traballo de cinco anos nos que o Concello contratou ao IEM as microtoponimias das parroquias de Priegue, Panxón, Parada, Camos, San Pedro e Nigrán; e ao Clube Espeleolóxico Maúxo, Chandebrito

O Concello de Nigrán conclúe coas parroquias de San Pedro e Nigrán un traballo de cinco anos e máis de 13.000 € de investimento para recompilar toda a microtoponimia da localidade. Durante este tempo o Concello contratou sucesivamente ao Clube Espeleolóxico Maúxo para realizar Chandebrito e ao Instituto de Estudios Miñoranos para Priegue, Panxón, Camos, San Pedro e Nigrán, entregando o IEM estes dous últimos traballos esta semana. Grazas a eles, toda pequena referencia xeográfica (camiños, campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto está xa documentada e xeolocalizada para sempre e sen risco de que se perda. Ademais, realizouse un catálogo e actualización dos bens patrimoniais de cada unha das sete parroquias e se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona. O Concello de Nigrán convértese así no primeiro da comarca en glosar toda a súa microtoponimia.

No caso de San Pedro, grazas a 30 informantes, detectáronse 1.600 microtopónimos correspondentes aos seus 57 lugares, como por exemplo Cornucho e Malvaxuda en Area, Enxurreira no Carballal, Besadiña na Xunqueira, Marmaxuda en Tomadas ou Morgana en Vilariño. Pola súa banda, en Nigrán, grazas a 23 informantes, referenciáronse 1.200 microtopónimos en 62 lugares; como Roubada e Galleiras en Angustias, Campo Grande na Barxa, Pumariñas en Dehesa, Rachota en Lagoíña, Cocho en Telleira ou Penicho en Vilameán.

Toda pequena referencia xeográfica da localidade queda blindada ao documentarse e xeolocalizarse, incluíndo nestes estudos outro patrimonio oral como refráns, lendas ou ditos de cada zona

Paralelamente, o Concello de Nigrán, a través do Departamento de Urbanismo, está a aplicar estes estudos para “bautizar” oficialmente ducias de rúas non inventariadas e sen nome oficial. “Moitas destas novas rúas que se engadirán ao rueiro municipal xa teñen incluso a placa co nome dende hai anos, pero hai decenas delas que non e, neste caso, os estudos de microtoponimia permiten “bautizalos” do xeito correcto, tal e como o coñecen dende antaño os lugareños”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o patrimonio cultural inmaterial ou patrimonio cultural intanxible forma parte das declaracións da Unesco para salvagardar. “En calquera caso non os encargamos cun fin urbanístico, pero esta é unha mostra máis da importancia non só cultural, se non práctica, que teñen”, indica González”.

Todos estes traballos inclúen fotografías dos elementos materiais máis destacados da parroquia, gravacións en vídeo das persoas que máis sobresaen polos seus coñecementos e xeolocalización da toponimia maior e menor. Todo quedará documentado nunha web onde se xeolocalizará e referenciará de forma que estea facilmente a disposición de calquera persoa. Servirá como fonte documental e fixará os topónimos de maneira correcta para sempre. “Con este traballo garantimos que o patrimonio oral, frecuentemente desatendido, non se perda”, engade o rexedor.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.