·Publicidade ·spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán conmemora con Avelaiña o Día Mundial da Saúde Mental

Nigrán conmemora con Avelaiña o Día Mundial da Saúde Mental

Nigrán conmemora con Avelaiña o Día Mundial da Saúde MentalO domingo a Casa do Concello iluminouse de verde e esta mañá a Praza do Concello acolleu unha mesa informativa a cargo da entidade, que tamén leu un manifesto

O Concello de Nigrán uníuse á conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental iluminando de verde este domingo 10 de outubro a fachada da Casa Consistorial e acollendo esta mañá na Praza do Concello unha mesa informativa a cargo de Avelaíña para divulgar o traballo que realizan e os recursos que hai na comarca. Asimesmo, Julia Rodríguez, nai dunha persoa usuaria de Avelaíña, leu un manifesto para sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e en defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o seu coidado poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

Baixo o lema “saúde mental, un dereito necesario”, preténdese denunciar as desigualdades que existen ao redor da saúde mental e que poden ocorrer por diversos motivos (económicos, por idade, por xénero, por educación ou por lugar xeográfico), así como reivindicar a importancia de que a atención á saúde mental sexa igual para todas as persoas. Ademais, o lema pretende concienciar sobre o feito de que a saúde mental afecta a todo o mundo e que, por iso, todos e todas debemos coidala.

Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Foi declarada Entidade de Utilidade Pública no ano 2010.

Tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 17 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. Sendo o seu ámbito de actuación a provincia de Pontevedra, hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas e conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.

.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade