Os catro saharauis que acompañan aos 280 cativos de ‘Vacacións en Paz’ en Galicia hospédanse nesta casa coas crianzas que non se adaptan a cadansúa familia acolledora
O Concello de Nigrán reforza a súa cooperación co pobo saharaui cedendo durante o verán a vivenda municipal de Balinfra (Camos) aos monitores que acompañan aos 280 cativos do programa ‘Vacacións en Paz’ en Galicia. Así, desde finais de Xullo e ata inicios de Setembro, catro adultos procedentes dos campos de refuxiados saharauis en Alxeria hospédanse nesta casa coas crianzas que non se adaptan a cadansúa familia acolledora na comunidade galega. As coloridas ‘melfas’ (roupa que empregan as mulleres saharauis) e os brincos dos pequenos sorprenderon á veciñanza do barrio de Balinfra, coa que comparten a diario xogos no parque infantil, conversas e mesmo celebracións.
“Temos a sorte de dispor dunha vivenda municipal que durante o verán non emprega o CEE Juan María, así que non dubidamos ofrecela para este fin porque a prioridade é darlle o máximo uso social”, explica o alcalde, Juan González, quen fai referencia ao programa de respiro familiar deste centro de educación especial.
“Estamos moi a gusto aquí. O noso traballo consiste en atender aos pequenos que non se adaptan ás familias acolledoras do mesmo xeito que se fosen os nosos fillos, todos teñen entre 8 e 9 anos e moitos botan de menos aos seus pais. Aquí están connosco uns días antes de tomar a decisión de se deben regresar aos campamentos ou reintentar a acollida”, explica Aiza Hosein, unha das dúas mulleres saharauis en Camos e quen domina o español porque, sendo pequena, foi tamén nena de acollida en España co programa ‘Vacacións en Paz’ que en Galicia xestiona a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. “Este é o meu primeiro ano como monitora, a miña compañeira Nana Mohamed xa ten experiencia previa. Ás dúas nos gusta moito a tranquilidade e paz que se respira en Camos, non é como na cidade”, explica.
“O intercambio cultural coa veciñanza está sendo máis que positivo, resulta moi enriquecedor, o barrio está atento a calquera necesidade que teñen para botar unha man. A súa presencia aquí contribúe a achegarnos máis entre os pobos e desmontar calquera tipo de prexuízo, non podemos estar máis contentos de acollelos”, explica González, quen reitera a súa reclamación á Xunta para desafectar a outra casa de mestres ao seu carón (está concedida desde hai máis dunha década a unha docente que non reside aí). “A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, resulta ata obsceno ter unha vivenda en desuso, máximo se pertence a unha admistración pública”, reitera o rexedor, quen incide en que, precisamente, o único ‘parche’ do recinto de Balinfra é esta casa desahabitada ao seu carón.
“Nesta comarca temos un compromiso firme cos saharauis que se amosa cada ano no programa ‘Vacacións en Paz’ que, grazas ás familias acolledoras e á financiación dos concellos, trae a menores saharauis no verán”, explica González facendo tamén referencia aos 12 pequenos que acolle este ano a comarca do Miñor. Adicionalmente, o Concello mantén a súa aposta pola cooperación internacional achegando este ano outros 10.000 € ao proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis en Arxelia, concretamente na wilaya de Bojador con 16.500 habitantes.
“O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sáhara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou o ano pasado no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo o primeiro municipio de Galicia en facelo.
Balinfra
No recinto de Balinfra o Concello de Nigrán dispón desde 2015 das antigas escolas infantís asociadas as dúas casas (empregadas por diferentes asociacións) e desde 2017 dunha destas dúas vivendas, restando só a desafección educativa da segunda en cuestión, reclamada por Concello e veciñanza reiteradamente.
A edificación completa foi construída hai máis dun século para fogar dos profesores de Camos é consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas vivendas pareadas (números 43 e 45). Cada unha conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela municipal de 2.789 metros cadrados acondicionada como parque infantil.