spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal...

Nigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca

Nigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca
Andaina polo futuro Parque Forestal en maio de 2019

Trátase de 42 hectáreas calcinadas nos incendios de 2017 e que forman parte dos terreos das comunidades de montes de Camos e Chandebrito cedidos ao Concello por 5 anos

O goberno de Nigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos – Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito) despois de 20 meses de espera polo informe sectorial favorable da Axencia Galega de Infraestruturas. A redacción do proxecto foi financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra e contempla un investimento por parte do consistorio de 404.189 € dos que o organismo provincial concedeu tamén unha subvención de 42.670 € para a primeira fase de execución (valorada en 200.153 €).

“Contabamos desde o ano pasado con todos os informes sectoriais favorables, Augas, Seguridade Aeronáutica, Patrimonio… e non foi ata o 22 de outubro que, tras insistir desde o Concello, a AXI nos informou 20 meses despois  favorablemente ao estar os terreos afectados pola autoestrada AG-57. Agora ao fin temos o expediente listo para licitar no que será o posiblemente o máis ambicioso proxecto medioambiental da comarca”, explica o alcalde, Juan González.

Nigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca

Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubicarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e cedidas ao Concello por un prazo de 5 anos. O obxectivo do Concello de Nigrán e das dúas Comunidades de Montes é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.

“Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, queremos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, o parque servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor.

Nigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca

De cara a ter finalizado o parque en dous anos, o Concello de Nigrán plantexa a realización e financiación do mesmo en dúas fases, adicando o primeiro ano fundamentalmente á erradicación completa das especies invasoras (constituída fundamentalmente por eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións e, unha segunda fase á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…

O proxecto, contemplado en duas fases, supón un investimento de 400.000 € ao contemplar a eliminación de toda a especie invasora actual para recuperar o bosque autóctono

O grave incendio de 2017 asolou todo este espazo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións realizadas de coníferas e frondosas. Actualmente está cortada practicamente toda a madeira que se queimou e o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que grazas á pronta intervención humana se recupere o bosque autóctono galego  propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a manter un microclima húmido coa restauración da cuberta arbórea.

 

Nigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca
Andaina polo futuro Parque Forestal en maio de 2019

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

Nigrán aprobou esta semana o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca
Andaina polo futuro Parque Forestal en maio de 2019

Os traballos para recuperar a fraga arrancarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos productivos estarán tamén presentes para eliminar a producción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de producción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobles.

- Publicidade -spot_img