Está dirixida a xente do mar, emprendedores con actividades relacionadas co mar, sectores auxiliares da pesca, asociacións e público en xeral
O Auditorio Municipal de Nigrán acolle o luns ás 19.30 horas unha xornada informativa para presentar a Orde de axudas que xestiona o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda (Orde do 24 de maio de 2016 publicada no DOG número 109, do 9 de xuño de 2016).
A xornada está dirixida a xente do mar, emprendedores con actividades relacionadas co mar, sectores auxiliares da pesca, asociacións e público en xeral. Con estas axudas ás que se pode optar preténdese que as zonas costeiras acaden todo o seu potencial.
No programa está previsto a presentación do GALP Ría de Vigo – A Guarda a cargo de D. Alfredo López Fernández, da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA). Despois a xerente do GALP 7, Dna. Elena Herbello Puentes, fará a presentación da orde de axudas e proxectos subvencionables e finalmente Dona Teresa Ramos Covelo. será a responsable de expoñer un exemplo práctico de proxectos subvencionables polo GALP: “Mar Miñor Rutas” de Babadiva medioambiente
GALP 7.-
O GALP7 é unha asociación formada por distintas entidades da área comprendida entre a Ría de Aldán e A Guarda: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.
Os proxectos que se presenten poderán ser de dous tipos:
-Investimentos produtivos: actividades que supoñan a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que suponen unha creación e/ou mantemento de emprego
-Investimentos non produtivos: os que non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica
Para o período 2014-2020 o GALP Ría de Vigo – A Guarda dispón dun orzamento de 5.016.360 €, do que 2.445.475 € destinaranse a proxectos produtivos do territorio e 1.316.794,51 € serán para proxectos non produtivos. O resto do orzamento (1.254.090 €) utilizarase para a xestión interna do grupo e difusión das axudas.