spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán acolle por segunda vez a exposición fotográfica "EXODUS"

Nigrán acolle por segunda vez a exposición fotográfica “EXODUS”

o-auditorio-de-nigran-acolle-a-mostra-fotografica-exodus-ata-o-15-de-agosto

A mostra, que recolle o drama das persoas refuxiadas dos conflitos bélicos, poderase visitar entre o venres e o domingo na Residencia de Tempo Libre de Panxón

Os veciños e veciñas de Nigrán terán, a partir do venres 21, unha segunda oportunidade para ver a mostra fotográfica “Exodus: na procura de refuxio”. Nesta ocasión, as persoas beneficiarias serán os usuarios e usuarias da Asociación Nova Escola Galega, que poderán contemplar as imaxes na Residencia de Tempo Libre de Panxón esta fin de semana, de venres a domingo, durante o seu horario de actividades.

“Exodus” foi elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015, documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. O nome deste traballo provén dos termos latino e grego que significan “saída”, ao precisamente retratar a persoas que escapan de países en conflito, arriscando as súas vidas ata, moitas desas persoas, chegar a perdelas no mar Mediterráneo. A mostra tamén ten un carácter crítico coa Unión Europea e o abandono dos seus principios de solidariedade.

Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.

 

 

- Publicidade -spot_img