O sábado 27, entre as 17 e as 20 horas, as mozas e mozos maiores de 12 anos da provincia se darán cita na Praza do Concello de Nigrán para practicar breakdance, turntablism DJ e beatbox, deseñar grafittis e personalizar gorras.
A Praza do Concello de Nigrán acollerá o vindeiro sábado a inauguración do programa “Deporuarte 2017”, impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do servizo de Cohesión Social e Xuventude, que ten por obxectivos ofertar actividades de música, baile e pintura urbana para a mocidade da provincia.
Trátase da segunda edición deste programa que, este ano, incluíu unha serie de modificacións para facelo máis atractivo para a mocidade. Por iso, a segunda edición que arranca o sábado en Nigrán concentrarase nunha mesma xornada, entre as 17 e 20 horas, na que, a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte, as mozas e mozos maiores de 12 anos poderán aprender cuestións relativas ao breakdance, turntablism DJ, beatbox, creación de graffitis e personalización de gorras. Amais, por vez primeira o programa terá un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de DepoRuarte.
A primeira edición de DepoRuarte ofreceu 20 obradoiros en distintos concellos da provincia que comprendían dende música ata cociña, deporte, arte urbana, vídeo e un longo etcétera. Este ano, para mellor aproveitamento do programa, a oferta dos obradoiros concentrarase nunha mesma xornada que comezará o sábado en Nigrán, e continuará, entre outros concellos, en Marín, A Estrada, Silleda, Caldas, Vilagarcía de Arousa, Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.



