O festival, organizado polo Concello de Nigrán xunto coa Comunidade de Montes, Asociación de Festas e Veciños de Chandebrito, integra tamén unha observación nocturna de petróglifos a noite do xoves 10 previo ao gran concerto de Susana Seivane o luns 14
O Concello de Nigrán quece motores para o gran concerto do Chandefolk (luns 14 con Susana Seivane) ofrecendo este martes 8 de agosto unha observación nocturna das perseidas guiada por un experto do Centro Astronómico de Trevinca desde as 22:00 horas no ‘Bosque da Memoria’ (explanada do Castro de Chandebrito, zona libre de contaminación lumínica e con ampla bóveda celeste, polo que resulta especialmente idónea; recoméndase acudir con toalla ou esterilla para poder tumbarse).
O Concello de Nigrán iniciou a actividade no 2015 sendo a día de hoxe unha das propostas de referencia no calendario de verán que permite dar a coñecer Chandebrito, parroquia do interior con gran riqueza natural, patrimonial e etnográfica. Precisamente, por este mesmo motivo, este ano incorpórase o xoves 10 de agosto ao ‘Chandefolk’ unha ruta nocturna para descubrir os espectaculares petróglifos da zona a cargo de Árbore Arqueoloxía (a andaina parte desde o Colexio Estudio ás 21:30 horas aproveitando a noite para poder aprecialos mellor, é preciso levar lantera ou móbil con ese dispositivo).
Todas as actividades, incluído o concerto, son gratuítas e abertas á participación de veciñanza e visitantes, que tan só deben acudir ao lugar na hora indicada con roupa de abrigo e calzado axeitado. Ademais, o concerto de Seivane terá as mochilas vibratorias do Concello a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675
No Chandefolk colabora de xeito activo a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, o concerto forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega. No recinto (carballeira de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol) disporase de barra de bebidas con chouripáns á venda.
Susana Seivane
Naceu en Barcelona en 1976 no seo da familia Seivane, un dos apelidos con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia. Comezou a súa andaina musical s anos de idade ao 3 da man do seu pai, Álvaro Seivane. Aos 9, trasládase, xunto coa súa familia, a Cambre (A Coruña). Xa en Galicia, entra en contacto con mestres ci gaiteiros da talla de Ricardo Portela ou Moxenas que, xunto co seu propio avó , Xosé Manuel Seivane, influenciarían grandemente o seu xeito de entender e interpretar a música tradicional galega.
Aos 10 anos xa daba concertos por todos os recunchos do país e durante a súa adolescencia cursou estudos de solfexo e piano e formou parte de diferentes agrupacións musicais tradicionais. Aos 20 anos toma contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista invitada. A partir deste momento comeza a súa andaina como solista creando un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas. Consegue, deste xeito, un enfoque fresco e orixinal.