A Rede de Músicas Soltas, organizada pola Concellaría de Cultura e mais a Central Folque, continúa este sábado co concerto de NARF TRÍO.
Este ciclo desenvólvese en Redondela de xaneiro a xuño, cunha cita mensual coas mellores músicas populares contemporáneas galegas e peninsulares. O obxectivo é presentar ao público, nun formato próximo e acústico, a música de destacados intérpretes de músicas populares que conflúen en Galicia e no ámbito peninsular.
Nesta ocasión, o auditorio da Xunqueira acollerá o concerto de NARF TRÍO, que presentará unha nova visión sobre os poemas de Rosalía de Castro, na súa faciana máis rockeira, recollida no seu disco “Nas tardes escuras”, que xa esgotou a súa primeira edición.
O directo de NARF TRÍO ten recibido ademais excelentes críticas de público, prensa e medios especializados, e estivo xa presente en importantes escenarios como o Festival da Luz en Boimorto, a Praza da Quintana en Compostela, ou o Teatro Colón na Coruña. Ademais, en decembro de 2013 Fran Pérez Narf, foi galardoado nos Premios Galegos da Música Martín Códax, como o mellor artista galego na categoría de Rock/Blues/Funk/Soul.
A formación en trío está integrada por Fran Pérez Narf, na voz e guitarras; LAR Legido, na batería; e Alberte Rodríguez “Ho Chi Ming” no baixo.
O concerto, que se celebrará o sábado 21 de febreiro, ás 21.00 h, no auditorio da Xunqueira, é a oportunidade ideal para gozar da potencia de NARF TRIO logo dun intenso ano de concertos que nos descubrirá a forza do seu orixinal son.
O prezo da entrada única é de 4 €, e pódense mercar dende hoxe no multiúsos da Xunqueira, e dúas horas antes o mesmo día do concerto.



