spot_img
InicioBaixo MiñoMúsica no Claustro recupera os vestixios musicais da Catedral de Tui nun...

Música no Claustro recupera os vestixios musicais da Catedral de Tui nun concerto extraordinario nas festas patronais de San Telmo

Música no Claustro recupera os vestixios musicais da Catedral de Tui nun concerto extraordinario nas festas patronais de San TelmoO códice Pasionario Tudense contén a Misa Medieval de San Telmo, unha partitura inédita de canto gregoriano en notación aquitana sobre liña vermella que se recupera no concerto do ensemble Seconda Pratica o domingo 24 de abril ás 17,30h na Catedral de Tui

A Catedral de Tui acolle a presentación do concerto de recuperación patrimonial da Misa Medieval de San Telmo, unha partitura inédita de canto gregoriano en notación aquitana sobre liña vermella que se conserva no códice Pasionario Tudense do arquivo da S.I Catedral de Tui. Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación con sede na Catedral de Tui dende o ano 2005, impulsa este relevante e innovador proxecto de salvagarda, estudo e divulgación do patrimonio musical, cultural e relixioso catedralicio como preámbulo da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui no ano 2025.

Don José Diégez Dieppa, Deán do Cabido catedralicio, deu a benvida ao acto destacando que esta recuperación “é o pórtico de Música no Claustro 2022 e ten como motivo fundamental a celebración do noso padroeiro San Telmo”. Un proxecto musical que pon en valor o patrimonio cultural e relixioso da nosa Catedral, sendo a testemuña da evolución da liturxia na diocese dende o século XIII ata ben entrado o século XIV”.

A concelleira de cultura e ensino Sonsoles Vicente manifestou que “esta actividade demostra que o patrimonio, entendido como a nosa cultura, a nosa tradición e historia, está moi vencellado ás nosas vidas e para o Concello de Tui é un orgullo que este concerto forme parte das festas patronais de San Telmo”. Don Avelino Bouzón, arquiveiro da Catedral de Tui, sinalou “o carácter peregrino deste códice tras estar presente en exposicións en Varsovia, Praga ou a mostra Códices na Cidade da Cultura. Con frecuencia recibimos a solicitude de fragmentos do mesmo para o seu estudo, o que nos fai pensar na súa futura dixitalización”.

Samuel Diz, director de Música no Claustro, enmarcou esta recuperación patrimonial nos horizontes da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui, o Plan Catedrais Xacobeo 2027 e a participación de Música no Claustro no deseño da xornada inaugural da candidatura Braga’27 Cidade Europea da Cultura. Uns horizontes “cheos de ilusión e retos entre dous polos: a recuperación e divulgación do patrimonio catedralicio en paralelo a unha estratexia de dixitalización que permita o acceso ao festival a calquera persoa dende calquera lugar do mundo”.

Música no Claustro recupera os vestixios musicais da Catedral de Tui nun concerto extraordinario nas festas patronais de San Telmo

As particularidades musicais desta partitura de canto gregoriano con texto en latín require da interpretación do grupo vogal de música antiga Seconda Pratica, con coñecementos específicos litúrxicos e de notación musical aquitana sobre liña vermella. Chegado dende os Países Baixos, Seconda Pratica está formado pola soprano Sofia Pedro, o contralto Tim Braithwaite, o tenor Jonatan Alvarado e o baxio Nuno Atalaia.

Samuel Diz mostrou as particularidades do pergamiño da Misa medieval de San Telmo ás persoas asistentes, pondo a atención “en que esta partitura é a primeira testemuña documental da protección de Pedro González Telmo como patrón dos mariñeiros e navegantes, dulia que o universalizou dende o seu Frómista natal a Sevilla, San Sebastián ou Bos Aires, así como a México onde a festividade de San Telmo está recollida como manifestación do patrimonio inmaterial ou a Porto Rico, onde se descubriu recentemente un fresco coa representación do fraile dominico  nunha igrexa do século XVI. Unha universalidade que nos ilusiona nesta recuperación e salvagarda do patrimonio cultural e relixioso local”.

O sábado 23 de abril, previo a recuperación sonora en concerto, a sede tudense da UNED acolle unha xornada de estudo que reúne ás principais eminencias da materia, pondo en diálogo os traballos do musicólogo galego Manuel Rey Olleros, quen ten realizado a catalogación do repertorio medieval das catedrais galegas, coas investigacións sobre a iconografía medieval de San Telmo realizadas pola historiadora Carmen Manso Porto da Biblioteca da Real Academia de la Historia, e o profundo coñecemento do musicólogo Manuel Pedro Ferreira da Universidade Nova de Lisboa no legado musical de conventos, mosteiros e catedrais no contexto ibérico. Esta xornada de estudo desenvolverase nun formato híbrido, con participación presencial ou vía zoom con previa inscripción gratuíta neste formulario ou a través de www.musicanoclaustro.com

Nesta rolda de prensa, o alcalde tudense Enrique Cabaleiro recoñeceu “a inmensa gratitude aos promotores de Música no Claustro por este traballo de recuperación e posta en valor do patrimonio do conxunto catedralicio que é a alma do noso concello, e solicitou a implicación de toda a sociedade tudense nesta celebración de San Telmo”.

Pechou o acto o bispo Don Luis Quinteiro mencionando o “fito importante para a Catedral da recuperación destas testemuñas musicais do século XIII, querendo agradecer o esforzo de Música no Claustro, xa maduro, que ofrece novas perspectivas deste Catedral, alma da nosa cidade, da nosa diocese, de Galicia, da nosa fe cristiana e da nosa cultura”. E continou sinalando “que a nosa historia é unha fonte permanente de rexenerar vida e de creación para o presente. Isto é moi importante neste momento no que necesitamos perspectivas, razóns, puntos de unión para afrontar o noso futuro”.

SÁBADO, 23 DE ABRIL DE 2022: xornada de estudo

Lugar: UNED de Tui (Antigo Convento de San Domingos)

Formato híbrido (presencial e zoom) con inscrición previa en https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfE2fw6dicY1MwTgANtN2pcCyhNxOAsq-3Q6eh61B8FEyrwQw/viewform

11.30h.- SAMUEL DIZ. Director de Música no Claustro

A Misa medieval de San Telmo: unha recuperación patrimonial holística no preámbulo do VIII centenario da S.I. Catedral de Tui

12h.- DON JOSÉ DIÉGUEZ DIEPPA. Deán do Cabido da S.I. Catedral de Tui

Liturxia e culto a Pedro González no Pasionario Tudense

12.30h.- DON AVELINO BOUZÓN GALLEGO. Cóengo arquiveiro da S.I. Catedral de Tui

O Pasionario Tudense: un códice peregrino

13h.- CARMEN MANSO PORTO. Biblioteca da Real Academia da Historia

Pedro González, frade da Orde de Predicadores: misión apostólica, culto e iconografía en Galicia

***

16,30h.- MANUEL REY OLLEROS. Organista da Catedral de Ourense

Inventario e catalogación dos pergamiños musicais do Arquivo da S.I. Catedral de Tui

17,30h.- MANUEL PEDRO FERREIRA. Universidade Nova de Lisboa

Identidade local e propios litúrxicos: un contexto para a Misa de San Telmo

18,30h.- Mesa redonda co ensemble SECONDA PRATICA

Metodoloxía e praxis musical na recuperación sonora da Misa medieval de San Telmo

DOMINGO, 24 DE ABRIL DE 2022: Concerto, 17,30h.

Lugar: S.I. Catedral de Tui

A Misa medieval de San Telmo. Recuperación sonora dos vestixios musicais da S.I. Catedral de Tui polo ensemble neerlandés Seconda Pratica.

Seconda Pratica é un ensemble formado por cantores internacionais que busca atopar unha voz moderna para a música do pasado. O seu principal obxectivo é romper a fenda entre a investigación, a interpretación e o público, traendo o patrimonio musical histórico á actualidade para revitalizado como experiencia vital compartida. Seconda Pratica foi o primeiro ensemble beneficiario do programa europeo EEEmerging e o seu último disco está dedicado á música de Josquin des Prez e foi dirixido pola medievalista Rebecca Stewart.

A formación elexida para este concerto está formada por Sofia Pedro, soprano; Tim Braithwaite, contralto; Jonatan Alvarado, tenor, e Nuno Atalaia, baixo.

 

- Publicidade -spot_img