spot_img
InicioPontevedra e ÁreaMúsica e humor na Gala de inauguración do Festival 'Primavera de Cine'

Música e humor na Gala de inauguración do Festival ‘Primavera de Cine’

Primavera de cineA quinta edición do Festival Primavera do Cine celebra mañá a súa esperada gala de inauguración na que converxerán galeguidade e lusofonía con música e distensión. A gala terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo ás 19.00 horas, cun prezo de entrada de 4 euros.

O evento comezará co discurso de presentación por parte de Juan de Castro, director do festival, no que exporá grosso modo a programación da quinta edición. De Castro tamén terá palabras para eloxiar o crecemento do festival dende os seus comezos e resaltar o seu obxectivo principal: atraer espectadores a unha mostra distinta de cinema.

A continuación, o compositor e guitarrista vigués Oswaldo Oro deleitará aos asistentes
interpretando unha selección de temas do seu último disco, El Vals de los Años. Neto do
compositor José Oro Val e licenciado en guitarra clásica polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, Oswaldo Oro deuse a coñecer tras chama-la atención de Paco Ortega, produtor, entre outros, de Niña Pastori e José Mercé. Froito deste interese naceu El vals de los años, editado por EMI Music. Oswaldo contou coa colaboración da súa irmá Raquel Costal Oro na composición das letras das cancións.

Unha vez rematada a sesión musical, as luces apagaranse e o cine tomará o relevo. Primeiro, con Encallados, unha longametraxe galega dirixida polo santiagués Alfonso Zarauza. Encallados conta as dificultades que un director e dous amigos guionistas atravesan para escribir un filme sobre a catástrofe do Prestige. Zarauza rodou esta cinta de tono humorístico en branco e negro durante 10 días baixo un modesto orzamento. Seguidamente, darase paso a Os Meninos do Río, do zaragozano Javier Macipe Costa, unha curtametraxe candidata ós Goya 2016 e gañadora de máis de 70 premios. Durante 14 minutos, o público mergullarase nas paisaxes do río Douro e a ponte Luís I, e será testemuña da historia dun neno chamado Leo, que busca unha maneira de demostrar
aos seus amigos que non é un covarde. A saída da proxección, pintxos e bebidas estarán esperando aos asistentes para poder comentar e debater ambas películas.

Ao longo do venres, o Auditorio do Concello tamén acollerá o primeiro bloque de curtametraxes galegas ás 17.00 horas e o multipremiado filme Aquele Querido Mes de Agosto, de Miguel Gomes, ás 22.00 horas. Nesta cinta de máis de dous horas de duración, Gomes retrata a vida ociosa das xentes do Portugal montañoso que volven ao seu fogar no mes de agosto. Ademais, elabora unha crónica sobre as relacións sentimentais entre un pai, a súa filla e un primo, integrantes dun grupo musical.

O auditorio do Instituto Camões estará tan ocupado coma o do Concello, xa que tanto hoxe, xoves, coma mañá, venres, proxectará os seis bloques de curtametraxes lusófonas, repartidas en tres sesións cada día (ás 18.00, 19.00 e 20.00 horas, respectivamente).

Entre a variada selección,podemos atopar títulos coma Só, de Nuno Fragata, sobre un vampiro adolescente atormentado polas pantasmas do pasado; Conto do Vento, de Cláudio Jordão e Nelson Martinis, o relato dun neno dotado co don de sentir a vida da natureza; ou Os Cravos e a Rocha, de Luísa Sequeira, un documental que retrata un episodio clave na vida do iconoclasta cineasta brasileiro Glauber Rocha.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.