spot_img
InicioO MorrazoBueuMozos con discapacidade gravan con actores galegos no obradoiro do FICBUEU e...

Mozos con discapacidade gravan con actores galegos no obradoiro do FICBUEU e ”La Caixa”

mozos-con-discapacidade-gravan-con-actores-galegos-no-obradoiro-do-ficbueu-e-la-caixa

A rodaxe da curta, que se grava entre O Morrazo e a Cidade da Cultura, permite pór en valor o cinema como ferramenta de inclusión

Un equipo de oito mozas en mozos con discapacidade intelectual iniciou esta mañá no centro da Asociación Juan XXIII en Cangas a gravación da curtametraxe final do obradoiro cinematográfico impartido polo FICBUEU e financiado pola Obra Social ”la Caixa”. A rodaxe, que proseguirá á tardiña no Museo Massó de Bueu e culminará mañá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, conta coa colaboración desinteresada dos actores e actrices Fran Paredes, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e César Aldea.

‘Megalópolis’ é o título da curta de ciencia ficción na que o grupo leva máis dun mes traballando, da man do director do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Manuel Pena, e co apoio de persoal do Juan XXIII. No entanto, son as mozas e mozos con discapacidade quen se fan cargo do guión, dirección, produción, selección de actores, vestiario, maquillaxe, montaxe, etc. Ademais, outros 15 usuarios da asociación participan como extras na gravación e seis persoas máis prestan apoio técnico.

O resultado poderase ver na décima edición do FICBUEU, que se celebrará do 9 ao 17 de setembro, poñendo en valor o cinema como ferramenta de inclusión para construír unha sociedade máis xusta e plural. O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento integral das persoas con discapacidade, favorecendo as súas habilidades psicomotrices, creativas e comunicativas, ao tempo que se promove a integración social e laboral.

Recoñecer os aspectos positivos da diversidade e o seu potencial como activo social é tamén un dos retos polos que aposta o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu coa posta en marcha da Área Social patrocinada por ”la Caixa” e que se completa con outras dúas liñas de acción. Dunha banda, proxeccións para persoas maiores usuarias dos dous centros de día da vila, Anduriña e Pescadoira. Doutra, sesións para as nenas e nenos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo). Con estas propostas búscase contribuír ao desenvolvemento social e cultural da nosa contorna, fomentando valores coma o respecto, a igualdade e a solidariedade.

 

- Publicidade -spot_img