Inicio Galicia O Mosterio de Ribas do Sil recibirá 228.000 euros para mellorar a...

O Mosterio de Ribas do Sil recibirá 228.000 euros para mellorar a súa accesibilidade

monasterio-ribas-do-sil-recibira-228-000-euros-mellorar-sua-accesibilidadeO mosteiro de Santa Cristina foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2009 e atópase no corazón da Ribeira Sacra. Non en balde, este mosteiro foi incluído no expediente de incoación como BIC da Ribeira Sacra como ben vinculado a esta paisaxe cultural.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato de obras de actuacións de conservación e de mellora de accesibilidade do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, na localidade ourensá de Parada de Sil, por importe de máis de 228.000 euros.

Para facilitar o acceso ao monumento, especialmente para as persoas con mobilidade reducida, reordenaranse os chanzos da escaleira de baixada ao mosteiro, desde o aparcadoiro; e remodelarase a rampla de acceso para adaptala ás normas de accesibilidade dotándoa dun pavimento de formigón e dunha nova varanda de madeira.

No que atinxe á conservación do mosteiro, o proxecto contempla a substitución da cuberta actual de tella e placas onduladas por outra de similares características, saneando e reparando o entaboado; a substitución das cubertas de vidro existentes no solarium e xunto á torre; así como reparacións puntuais do forxado de madeira, da súa varanda e da galería existente. Ademais, substituirase o altar da igrexa por outro de menores dimensións, e recolocarase a lauda.

Deste xeito búscase solucionar os problemas de humidades existentes debido ás filtracións de auga existentes a través das cubertas, lucernarios e carpinterías polo levantamento de tellas e rotura de cristais.

O MOSTEIRO

Descoñécese a data exacta da súa fundación, pero a súa existencia está documentada desde o século IX, cando pertencía á regra de san Frutuoso. No século X adoptou a de san Bieito, coa que gozou de gran esplendor ata o século XIV. Cos Reis Católicos, e debido á centralización monástica, Santa Cristina de Ribas de Sil perdeu importancia e converteuse en priorado de Santo Estevo, o que derivou nun cambio de usos e alteración da distribución orixinal das dependencias do mosteiro.

En séculos posteriores ampliouse coa igrexa. No século XVI, construíuse un novo claustro e un remate para a torre da igrexa. A Desamortización de 1835 sumiuno nun tempo de abandono. Como resultado da fin das actividades monásticas, tanto Santa Cristina como Santo Estevo pasaron a utilizarse como vivendas particulares e incluso como cuadras e palleiros.

Este conxunto, situado no fermoso contorno dun bosque de carballos á beira do Sil, componse de mosteiro e igrexa. O edificio orixinal do mosteiro, disposto en torno a un pequeno claustro, era de estilo Románico, seguindo as pautas estéticas da orde beneditina. Daquela construción hoxe só se conservan dúas alas. Un dos puntos no que nos fixaremos é a portada, similar á parte sur da Catedral de Ourense. Como testemuña do seu pasado monástico, poderemos ver os “armarium claustri”, uns pequenos espazos nos que se deixaban os libros lidos polos frades nos seus paseos. Trátase dunha obra austera, parca en ornamentación, pero de singular beleza pola harmonización cos bosques e a orografía do contorno no que se erixe.

A igrexa é románica e a súa construción comezou no século XII. Durante o século XIII introducíronse elementos góticos, fundamentalmente arcos. A planta é de cruz latina, dividida en cinco espazos. Na súa estrutura pódese apreciar a elegancia e verticalidade propia das construcións da Orde do Císter. A fachada destaca pola súa entrada baixo tres arcos, apoiados en pares de columnas de capiteis decorados. Na parte superior inscríbese un rosetón románico de amplas dimensións. A alta torre, atalaia privilexiada sobre o curso do Sil, está rematada en forma de pirámide, algo pouco usual.

No interior, consérvanse pinturas ao fresco, un altar maior con motivos xeométricos, retablos barrocos e, sobre todo, unha imaxe de San Pedro realizada polo artista Juan de Angés a finais do século XVI. Nas paredes da sancristía pódense ver pintados os escudos da Orden de Calatrava e de Santo Estevo.

 Fuente//Cultura de Galicia e Turgalicia
- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies