spot_img
InicioBaixo MiñoMedio Ambiente incorpora ao catálogo galego de árbores senlleiras unha formación de...

Medio Ambiente incorpora ao catálogo galego de árbores senlleiras unha formación de sobreiras localizada no Rosal

Medio Ambiente incorpora ao catálogo galego de árbores senlleiras unha formación de sobreiras localizada no RosalEn Galicia existen a día de hoxe un total de 179 elementos catalogados como senlleiros en recoñecemento ás súas características singulares ou excepcionais

O Catálogo galego de árbores senlleiras acaba de incorporar unha nova formación de sobreiras localizadas no concello pontevedrés do Rosal. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se notifica a súa inclusión neste rexistro público, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e no que figuran todas aquelas árbores e formacións merecentes dunha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión no Catálogo de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

En canto ás sobreiras da Magdalena, pertencen á especie Quercus suber e constitúen un conxunto de catro exemplares que cumpren coas condicións sinaladas no decreto regulador do Catálogo en canto ás excepcionais características do seu porte e dendrometría, especialmente ás dos tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores chegan ata os 22 metros de altura e o seu perímetro oscila entre 3,8 e 4,3 metros.

O conxunto posúe tamén uns notables valores estéticos e paisaxísticos ao atoparse ao pé da capela da Magdalena, no cumio do monte do mesmo nome. Do mesmo xeito, cómpre subliñar o valor histórico do conxunto xa que a capela aparece mencionada en documentos do século XII, como pertencente ao Mosteiro de Oia. Tamén está acreditado que o monte serviu de emprazamento de pezas de artillería, nas guerras con Portugal.

Tras a inclusión das sobreiras da Magdalena, o catálogo conta xa cun total de 179 elementos de 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

Árbores
Formacións
Total
A Coruña
42
12
54
Lugo
32
6
38
Ourense
20
6
26
Pontevedra
47
14
61
Total
141
38
179

Cómpre lembrar que a través da inclusión dun exemplar ou formación dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras, búscase garantir a súa protección e conservación, ao entender que, debido á súa propia singularidade e características, merecen ser preservados e inventariados a través desta ferramenta de carácter administrativo.

- Publicidade -spot_img