O escultor Manuel Buciños recibiu esta tarde o premio Trasalba 2020 da Fundación Otero Pedrayo, un recoñecemento que distingue o labor do artista no seu defensa e difusión da lingua e cultura galegas.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Ourense na entrega do Premio Trasalba 2020 da Fundación Otero Pedrayo, que recaeu no escultor Manuel Buciños, a quen o representante da Xunta felicitou tanto polo galardón como pola súa traxectoria ao ser un dos artistas con máis obra nas principais cidades e vilas galegas, que están integradas na paisaxe urbana e tamén na vida dos cidadáns que gozan delas en rúas e prazas a diario.
A Fundación Otero Pedrayo -que conta co apoio da Xunta de Galicia para colaborar nas súas actividades- suma así a Manuel Buciños a unha lista que integran nomes tan destacados como Luz Pozo Garza, Agustín Fernández Paz, Antón Pulido ou Xosé Neira Vilas, entre outros.
PREMIOS TRASALBA
O premio Trasalba, que outorga a Fundación Otero Pedrayo, institúese no ano 1983. Nun primeiro momento, a razón do premio era a vinculación, directa ou indirecta, coa figura e os ideais de don Ramón. Progresivamente foi evolucionando cara a un personaxe referente na nosa cultura galega. Salvo o premio concedido a Agustín Sixto Seco, fundador e primeiro presidente da Fundación, que tivo carácter de póstumo, sempre se concede a unha persoa en vida.
A proposta do premiado sae da Xunta de Goberno da Fundación, logo de consultar aos membros do Plenario e mesmo recibir iniciativas da sociedade civil. A Xunta de Goberno comunícallo ao Padroado para o seu apoio. O “acto literario” ten lugar no auditorio da Casa Grande de Cimadevila e consiste nunha homenaxe ao premiado ou premiada cunha laudatio e a presentación dunha fotobiografía do mesmo. Tamén se lle entrega unha praca e un cadro conmemorativo realizado para a ocasión por Isaac Díaz Pardo. Tras a intervención do homenaxeado, a festa remata cun xantar-romaría no souto da Casa.