O Presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán visitou, xunto a Magín Froiz, as parcelas onde se situará a nova plataforma do grupo de alimentación
Máis de 500 persoas traballarán na primeira das naves que Supermercados Froiz pretende construír en breve nas parcelas adquiridas no polígono de Barro-Meis, onde tamén se creará, desde o primeiro momento, un espazo para acoller toda a frota de camións do grupo.
Así o asegurou o responsable da empresa, Alfredo Magín Froiz, nunha visita que hoxe realizou á zona, xunto ó presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Louzán amosou a súa “gran satisfacción” polo acordo acadado con este “gran grupo de alimentación pontevedrés, que é unha referencia inescusable en Galicia e no norte de España” e que vai permitir “o despegue definitivo do polígono de Barro-Meis”.
Mostrouse confiado en que os traballos para a creación das novas instalacións se poidan realizar canto antes e que a empresa conte con todos os servizos. Louzán asegurou que “por parte da Deputación non vai faltar nada para que, no prazo que estableza a empresa, poida empezar a traballar”.
Nestes momentos xa está adxudicada a construción da liña de alta tensión que abastecerá de enerxía o polígono e que permitirá poñer en marcha as obras en canto estea rematada.
A maiores, a Deputación está a construír o viveiro de empresas e está en licitación a creación dun centro de servizos e apoio ás empresas instaladas, que proporcionará espazos complementarios coma oficinas, salas, auditorio, servizo de restauración ou cafetería.
Proxecto ambicioso
O proxecto que Supermercados Froiz vai desenvolver en Barro-Meis instalarase nun espazo de 73.394 m2 de terreo, onde, tal e como indicou Magín Froiz, se crearán inicialmente “unha nave de 24.000 m2 de sala de venda, destinada a traballar e acomodar as mercancías con calidade e espazo”, así como unha área para acoller a “frota potente de camións” que ten o grupo e que “vai ocupar a fronte da parcela”, de forma que os vehículos estean protexidos.
En total, máis de 500 persoas traballarán nestas primeiras instalacións. Pero o proxecto de Magín Froiz é moito máis ambicioso e contempla “a creación dunha gardería infantil para a nosa xente, para os traballadores”, así como un comedor para os empregados, unha estación de autoservizo propio e unha estrulladora de cartón, entre outras instalacións.
Estes novos servizos precisarían de persoal que se sumaría ós máis de 500 traballadores xa previstos para a plataforma de almacenamento, polo que os cálculos da empresa son que a posta en marcha das súas instalacións en Barro-Meis requirirá dunha ampliación do seu cadro de persoal actual de entre un 20 e un 30 %.
Para completar o espazo, Froiz prevé a creación de amplas zonas verdes acondicionadas para lecer e descanso do persoal, “porque, como a parcela é moi grande, tamén hai que disfrutar dela”. “Temos que pensar no futuro para facelo mellor como empresa e para que os traballadores estean mellor”, concluíu.
Finalmente, Rafael Louzán quixo agradecer o compromiso de Froiz (do que sinalou a súa identidade galega) e a súa aposta por Barro-Meis, un agradecemento que fixo extensivo a Novas Rías e, en especial, ás empresas que levan anos asentadas neste polígono, “que foron as primeiras empresas que confiaron neste proxecto”.
Ademais, Louzán lembrou que desde xaneiro de 2015 se abrirá un novo período para que outras empresas interesadas en instalarse en Barro-Meis poidan presentar as súas propostas. Este prazo permanecerá aberto durante todo o ano e as condicións serán as xa establecidas na convocatoria á que se presentaron Froiz e Novas Rías.



