
O vindeiro luns, 8 de maio, de 12 a 13 h, no Auditorio de Goián, terá lugar o espectáculo “Sandra e Meirol en Xistralia”, dos Gaiteiros da Xistra.
Trátase dunha actividade de dinamización lingüística organizada polo Concello de Tomiño coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e ofertada a todos os colexios do municipio.
O Concello proporcionará transporte gratuíto a todos os centros educativos, excepto ao CEIP Pintor Antonio Fernández, por atoparse ao lado.
“Sandra e Meirol en Xistralia”, dos Gaiteiros da Xistra, é unha historia contada en clave didáctica, coa dirección de Xerardo F. Santomé.
Xistralia é unha “República Musical” situada na Raia, onde soan acordeóns, gaitas, cavaquinhos e violas; golpes de treboadas mesturados cos dos Zés Pereiras, e moitos outros.
A peza que se porá en escena o luns é a historia de como unha rapaza, chamada Sandra, e un caracol, chamado Meirol, liberan aos nenos e nenas raptados por Terco, un dragón de dúas cabezas.
Sandra e Meirol en Xistralia, da compañía Gaiteiros dá Xistra, está pensada para o segundo ciclo de educación primaria. A obra achegará aos nenos ao imaxinario país de Xistralia, onde os seus habitantes conviven con seres mitológicos e imaxinarios. Sandra, a protagonista, a pesar da súa curta idade, é unha gran experta en adiviñas, romances, cantigas e outras pezas e costumes que conforman o cancionero popular galego. Nas súas viaxes por Xistralia transitará por labirintos dos que sairá coa axuda dos «fastudos», romperá os encantamentos da Meiga, descifrará os seus enigmas musicais e mesmo será raptada por Draco, o dragón de dúas cabezas, envexoso da súa prima Coca. Pero Sandra nunca se dá por vencida e, finalmente, atopará a maneira de liberarse ao lembrar a sabedoría e o gran consello do seu pai, un violinista cego que dicía «todo está no cancionero». Desta forma, axudada por Centoulo, o capitán da Farsa, e polos mozos do pobo, vencerá a Draco a ritmos de «treboada» galega e danzas de espadas.
Durante o espectáculo, os actores xogarán con instrumentos de música tradicionais, salientando as súas características e propiedades.
A Deputación de Pontevedra pretende consolidar o uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación nos concellos da provincia.
A dinamización lingüística enténdese como o proceso de promoción da lingua galega, que se leva a cabo mediante accións ou actividades (sensibilización lingüística, formación, etc.), polo que a través da convocatoria dunha liña especial de subvencións, preténdese incrementar o uso da lingua galega en toda a sociedade.



