Máis de 120 persoas entre emprendedores, investidores privados de toda España, fondos de capital-risco, servizos financeiros de diferentes bancos, equipos técnicos e representantes das institucións que levan adiante a aceleradora de empresas ViaGalicia reuníronse no Centro de Negocios de Porto do Molle en busca de potenciais operacións de investimento que aposten polas dez empresas que naceron ao amparo da segunda edición da aceleradora de empresas da Xunta e Zona Franca.
Esta xornada supuxo un gran impulso para que en Galicia o capital investidor privado coñecido como “bussines angels” aposte por estas novas empresas ou “startups” que como explicou na súa charla o presidente da Asociación Española de Business Angels, José Herrera Fontanals, o ano pasado xa superou en España os 500 millóns de euros.
No acto de apertura a Delegada, Teresa Pedrosa dixo que en xornadas como as de hoxe “o noso obxectivo é poñer en contacto investidores potenciais cos proxectos ou emprendedores que buscan financiamento e cooperación en xestión para o seu crecemento”. A celebración deste “Investors Day” é o colofón da fase de aceleración -seis meses- do programa ViaGalicia, durante o que os proxectos se presentan ante un grupo de potenciais investidores. “Aquí na sala reunimos a quen ten capital, coñecemento e experiencia empresarial e agora vós”dixo dirixíndose aos novos empresarios “tedes que demostrar que adquiristes en ViaGalicia os coñecementos para facer das vosas ideas, empresas de éxito. A fortaleza traïádela de casa”, recalcou a Delegada quen felicitou aos dez proxectos que, agora xa convertidos en empresas, actualmente dan emprego a unhas 42 persoas.
Francisco Conde, conselleiro de Economía, resaltou que igual que a aceleradora trata de ensinar aos novos empresarios a saltar barreiras na súa carreira cara ao éxito, no Goberno galego están a traballar para facer máis áxil a creación de empresas. Nesta liña -dixo Conde- a Lei de Emprendemento de Galicia establece as bases para que os trámites administrativos sexan máis sinxelos e non representen un obstáculo; coa plataforma “Doing Bussines” que está a poñer en marcha a Consellería, as empresas poderán ver en tempo real como e onde está a súa tramitación e tamén se está promovendo a figura do bussines angels e outras modalidades de apoio ao emprendemento.
En dúas roldas de presentación, os responsables destas recentemente creadas empresas expuxeron en breves quendas de dez minutos as potencialidades dos seus negocios e as súas necesidades de capital para seguir crecendo. Pola súa banda os preto de cincuenta investidores que se achegaron a Nigrán buscaron neles outras posibilidades de acceder a proxectos viables cos que diversificar as súas carteiras porque -como dixo Fontanals- a corrente actual en Europa é realizar pequenos investimentos de 20.000 euros cada unha en máis de dez empresas para diversificar o risco. Pola tarde, o Centro de Negocios deu soporte a distintas reunións privadas nas que se analizaron o establecemento de alianzas entre ambas as partes. Alianzas que van máis aló da mera achega de capital xa que os bussines angels son profesionais e empresarios de éxito que ademais de capital achegan a súa experiencia, coñecementos e a súa ampla capacidade relacional.
Durante a fase final da aceleradora estes proxectos recibiron precisamente adestramento para enfrontarse a roldas de investimento como as da xornada de hoxe. Coa actividade de poñer en contacto a estes dez emprendedores, e aos seus innovadores proxectos empresariais, con business angels e outros investidores privados termina a segunda edición da aceleradora de empresas ViaGalicia e dá paso ás empresas da terceira edición que, como se fixo público a semana pasada, este ano seleccionou a quince novas empresas provenientes das sedes de Lugo e de Vigo.
Segundo este programa de apoio e asistencia a emprendedores promovido polo Consorcio da Zona Franca e o Goberno Galego a través das súas axencias Gain e Xes Galicia e pola sociedade de capital-risco Vigo Activo, os dez proxectos desta segunda convocatoria xa recibiron 1.250.000 euros entre capital semente e achegas a fondo perdido e outros 250.000 euros máis en gastos de formación e consultoría.
Durante a primeira rolda de presentación de proxectos os investidores coñeceron a BROOBAND unha pulseira ou smartbands cun dispositivo universal que permite programar funcionalidades de todo tipo para individuos e empresas. Tamén a CALABIZO que fixo do chourizo vexetal o seu buque insignia e a H2HYDROPONICS, empresa que ve un gran potencial no desenvolvemento dos cultivos hidropónicos e ofrecen deseñar instalacións, monitorar o seu funcionamento e acompañar aos clientes en todo o proceso. CONVERFIT é unha aplicación da empresa Citius, que permite ás empresas ofrecer unha canle de contacto alternativo para dar resposta aos clientes dunha forma máis cómoda que as tradicionais. SILA GAMES quere revolucionar o mundo dos videoxogos ofrecendo unha plataforma online na que poder xogar sen límites cun servizo de tarifa plana.
Despois do café, e na segunda rolda de presentación de proxectos LATITUDE explicou o seu modelo de moda sustentable para recuperar o téxtil galego; VIDAHORA é outra empresa na que unha plataforma web e unha aplicación móbil para fomentar os hábitos saudables para o benestar laboral dos traballadores; COUNCILBOX é outra plataforma aloxada na nube que permite a celebración dos consellos e xuntas de empresas, garantindo a custodia e validez legal e permitindo a participación remota con plena seguridade xurídica; RSPORT é a marca coa que Ramón Lago comercializa a que considera a mellor máquina de adestramento e que xa utilizan varios clubs deportivos; e por último a esta xornada tamén se presentou unha empresa da primeira edición, MULTIBREVES, unha plataforma para a publicación simultánea de anuncios en 100 portais diferentes, o que mellora enormemente o seu impacto.
O alcalde de Nigrán, Juan González, clausurou a última fase do Programa Vía Galicia, no Centro de Negocios de Porte do Molle





