spot_img
InicioVal MiñorNigránMáis de 300 escolares de Nigrán únense ao grupo da Fundación Menela...

Máis de 300 escolares de Nigrán únense ao grupo da Fundación Menela para celebrar a última etapa do proxecto “Xacobeo Autismo. Un Camiño de Todos”

Máis de 300 escolares de Nigrán únense ao grupo da Fundación Menela para celebrar a última etapa do proxecto "Xacobeo Autismo. Un Camiño de Todos"Xuntos realizaron a ruta alternativa pola costa dende a Alameda de A Ramallosa ata o Auditorio Municipal, onde os usuarios de Castro Navás lles ofreceron un pequeno concerto e comentaron as súas impresións

Máis de 300 escolares do CEIP da Cruz de Camos e Humberto Juanes, xunto a persoas usuarias de Avelaíña e CEE Juan María, celebraron esta mañá xunto ao grupo da Fundación Menela a etapa final do Camiño Portugués pola Costa enmarcado no proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’ organizado por esta fundación e o Concello de Nigrán coa colaboración da Xunta.

Xuntos partiron ás 10:45 horas dende a Alameda de A Ramallosa para percorrer os case 4 km da variante litoral ata o Auditorio Municipal, onde os usuarios de Menela sorprenderon ao público participante cun pequeno concerto da Orquestra Castro Navás, que interpretou dúas pezas musicais, ‘Happy Muiñeira’ e ‘Andar Conmigo’ de Julieta Venegas (esta última coreada por todo o público). Tras proxectar un vídeo-resumen da súa andaina de 6 etapas iniciada o 17 de setembro na Guardia, varios rapaces de Castro Navás e un de Avelaíña (asociación de saúde mental que se sumou en moitas etapas) expuxéronlles ao alumnado asistente todas as súas impresións e, finalmente, responderon preguntas.

“Nunca fixera o Camiño, foi marabilloso, permitiume facer moitos amigos e mesmo conversar  con persoas estranxeiras. Durmir nos albergues tamén me encantou”, sinalou Víctor, quen asumíu encantado dende o inicio o papel de guía nas diferentes etapas. “Entre o que  máis me gustoi foi durmir na parte de arriba dunha litera, o colacao que almorzábamos cada día ou a tarde que cantamos despois de comer ou que percorremos o Casco Vello de Baiona”, engadíu Adrián. Todos confesaron que lles gustaría poder facer o Camiño ata Santiago porque a experiencia actual lles resultou moi enriquecedora. “Sempre se camiña mellor acompañado, e para min foi moi agradable falar cada día con Manuel Antonio, coñecelos a todos e compartir con eles esta experiencia”, recoñeceu Mauro, persoa usuaria de Avelaíña que estableceu gran amizade con Manuel A. “Ao inicio hai que recoñecer que nos inquedaba a posibilidade de non saber adaptarnos todos aos respectivos temperamentos que cada un de nos ten, pero nos complementamos perfectamente e demostramos que somos moi capaces”, indicou Conchi, monitora de Menela que os acompañou dende o inicio.

Como despedida do acto, que se extendeu 45 minutos, o director xeral da Fundación Menela, Cipriano Montes, sinalou, entre outros aspectos, a importancia simbólica que ten que cada alcalde de cada vila pola que pasaron recibira ao grupo e agradeceu públicamente a implicación do Concello de Nigrán. “Os rapaces compartiron experiencias, traballaron para facer o Camiño accesible e amosaron o seu compromiso e capacitación”, indicou. “Este camiño é xa imparable, non hai marcha atrás á inclusión, o próximo obxectivo debe ser chegar a Santiago”, sinalou o alcalde de Nigrán, Juan González, na súa intervención xa de despedida.

Esta iniciativa na que participou o Concello de Nigrán permitiu que 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e discapacidade intelectual asociada do Centro Castro Navás (en Priegue) percorreran a ruta oficial pola costa xunto ao seu persoal especializado e diferentes entidades locais en cada etapa co obxectivo de facer o camiño accesible grazas a súa propia experiencia. O proxecto contou tamén coa axuda do programa “O teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia.

Os participantes fixeron noite en albergues o día anterior a cada etapa. Na primeira xornada o 17 de setembro percorreron os 10,3 km que separan A Guarda de Portocelo, ao día seguinte camiñaron ata Oia e o resto de tramos dividiuse entre os días 24 e 25 de setembro (Santa María de Oia-Mougás), 1 e 2 de outubro (Baiona-A Ramallosa); e finalmente, hoxe chegaron á Casa do Concello de Nigrán dende A Ramallosa. Usuarios e técnicos da Fundación Menela traballaron no seu percorrido establecendo unha sinaléctica con pictogramas e información accesible dende o punto de vista cognitivo. Paralelamente, estas sete etapas foron unha oportunidade para visibilizar a realidade deste colectivo e informar á sociedade sobre os recursos e servizos dos que dispón a Fundación Menela para a atención as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas familias, desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta.

“Dende o Concello de Nigrán quixemos participar no programa ‘O Teu Xacobeo’ cunha iniciativa de carácter social acorde ao noso programa municipal ‘Un Nigrán para todos’, por iso acollemos con entusiasmo o proxecto da Fundación Menela e nos sumamos a el inmediatamente, nada mellor que unir a posibilidade de que estas persoas poidan gozar do Camiño con que, ao mesmo tempo, nos indiquen como facelo realmente accesible dende o punto de vista cognitivo. Queremos que o camiño pola costa sexa, de verdade, un camiño para todos”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

Baixo estas premisas, en cada etapa do percorrido fóronse sumando diferentes entidades ou centros educativos, para que funcionase tamén como unha xornada de convivencia e, ao fin de cada unha, instalouse un punto de información sobre o Autismo e a Accesibilidade. O grupo realizou tamén visitas de interese histórico e cultural en cada núcleo do Camiño, e rematou sempre o día sempre cunha reflexión grupal no que xunto aos monitores comentaron como se sentiron ao longo da marcha, que foi o que mais lles gustou, que lles dirían os demais en relación o que viron, que cousas non lles pareceron ben, etc. etc.

‘Xacobeo Autismo. Un camiño de todos’ conta cun orzamento de 20.413 € dos que o Concello de Nigrán aporta o 20%.

- Publicidade -spot_img