spot_img
InicioGaliciaCompostelaMáis de 30.000 persoas visitaron a exposición ‘Camiño. A Orixe’ no Museo...

Máis de 30.000 persoas visitaron a exposición ‘Camiño. A Orixe’ no Museo Centro Gaiás, que prepara xa unha nova mostra sobre o fotógrafo José Suárez

Máis-30.000-persoas-visitaron-exposición-Camiño-A-Orixe-Museo-Centro-Gaiás-prepara-nova-mostra-sobre-fotógrafo-José-Suárez

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despediu a exposición ‘Camiño. A Orixe’, que pechou as súas portas o pasado domingo, e que foi visitada por un total de 30.546 persoas desde a inauguración en marzo.

Cultura e Educación destaca a difusión que esta exposición permitiu sobre o Camiño de Santiago, principal activo cultural e turístico de Galicia, especialmente entre o público estranxeiro

Regresan estes días aos seus museos de orixe as 150 pezas que se exhibiron no marco desta proposta cultural, entre as que se encontraban obras tan valiosas como un retrato do Apóstolo Santiago de Alberto Durero, outro de Bartolomé Esteban Murillo ou o Gallardete de Lepanto. A Cidade da Cultura prepara xa a seguinte exposición, que se inaugurará o mes de novembro, e que terá como protagonista ao fotógrafo galego José Suárez.

O Museo Centro Gaiás prepara xa a seguinte exposición, que terá como protagonista ao fotógrafo galego José Suárez, e que se inaugurará o vindeiro mes de novembro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria valora que esta exposición teña contribuído de xeito importante á difusión, especialmente entre o público estranxeiro, dun dos principais activos culturais e turísticos de Galicia: o Camiño de Santiago, pondo o foco sobre a orixe do que hoxe se ten convertido nun fenómeno de escala universal.

Montaxe innovadora
O proxecto, dirixido por María García-Alén, contou cunha innovadora montaxe que fixo posible achegarse a esta escolma de obras clásicas desde unha perspectiva contemporánea, grazas ao traballo dos arquitectos Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera.

‘Camiño. A Orixe’ presentou unha versión máis contemporánea grazas ao proxecto ‘Lugares Xacobeos’, no que se recollían os traballos de estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, así como a colaboración das Escolas de Artes e Superior Deseño Pablo Picasso de A Coruña, Ramón Falcón de Lugo, e Mestre Mateo de Santiago.

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia agradece a xenerosidade e confianza depositada polas institucións que cederon obras, entre as que se atopan museos tan prestixiosos como a Galería Uffizi de Florencia, o Museo de Cluny en Francia, o Museo del Prado, o Museo Lázaro Galdiano ou o Museo de Belas Artes de Bilbao. Con estas alianzas, o Museo Centro Gaiás afianza unha biografía que, aínda sendo curta, o consolida como institución cultural de referencia en España.

‘Camiño. A Orixe’ permitiu tamén a organización dun programa de actividades paralelas, con xornadas didácticas que congregaron a importantes expertos na cultura xacobea, así como un amplo abano de actividades didácticas, visitas nocturnas e eventos culturais destinados a públicos diversos.

Máis-30.000-persoas-visitaron-exposición-Camiño-A-Orixe-Museo-Centro-Gaiás-prepara-nova-mostra-sobre-fotógrafo-José-Suárez

A exposición recibiu destacadas visitas, como as das asociacións de amigos do Camiño de Santiago de todo o mundo, aproveitando o encontro realizado en Compostela a pasada primavera ou a reunión de todos os directores do Instituto Cervantes, que se celebrou na Cidade da Cultura e contou coa presenza da Raíña dona Letizia. Ademais, permitiu a colaboración con entidades como a D.O. do Ribeiro, que, con motivo desta mostra, quixo organizar o ciclo ‘Enocións by Ribeiro’, buscando un punto de conexión entre a cultura xacobea e a do viño.

Agradecemento aos patrocinadores
A Consellería de Cultura, no remate desta exposición, agradece o compromiso das empresas patrocinadoras e colaboradoras, que co seu apoio económico fixeron realidade este proxecto. ‘Camiño. A Orixe’ contou co patrocinio de ABANCA, Gas Natural Fenosa, Sabadell Gallego, Rede Eléctrica de España, Corte Inglés, Pastor, Audasa e Vodafone. Ademáis, colaboraron con ela: Televes, Correos, Renfe, R, Ribeiro e a Deputación da Coruña.

Desde a consellería lembrar a alianza solidaria coa asociación DisCamino, colectivo que traballa axudando a persoas con diferentes discapacidades a cumprir o seu soño de peregrinar a Santiago de Compostela.

A exposición deixa un completo catálogo, deseñado por Branca Prol, con ensaios de expertos na cultura xacobea, como Paolo Caucci von Saucken, presidente do Comité Internacional de Amigos do Camiño; Adeline Rucquoi, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, ou de Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago, entre outros.

- Publicidade -spot_img