spot_img
InicioPontevedra e ÁreaMáis de cen persoas de seis concellos da provincia de Pontevedra participarán...

Máis de cen persoas de seis concellos da provincia de Pontevedra participarán en seis obradoiros de “Tecendo Lazos”

mais-cen-persoas-seis-concellos-da-provincia-pontevedra-participaran-seis-obradoiros-tecendo-lazosA Deputación de Pontevedra pon en marcha a partir deste venres, 3 de novembro, seis obradoiros do programa “Tecendo Lazos”, promovido polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial para os concellos de Bueu, Caldas de Reis, Meis, Tomiño, O Porriño e Vila de Cruces.

En total, máis dun centenar de persoas destes seis concellos se beneficiarán desta iniciativa que ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.

Os obradoiros que darán comezo o vindeiro venres centraranse na risoterapia, na música popular e tradicional, na creación de xoguetes creativos e na elaboración de xabóns naturais artesáns

O venres 3 de novembro comezarán catro obradoiros en Bueu, Caldas de Reis, Meis e O Porriño. Bueu acollerá un taller sobre “Risoterapia creativa anti estrés” no que participarán 25 persoas da vila ata o 29 de decembro. “Canta avoas”, pola súa banda, terá lugar no concello de Caldas de Reis e participarán nesta actividade ata o 29 de decembro preto de trinta persoas. No caso de Meis “Xoguetes creativos con material de refugallo” será o obradoiro que se desenvolva na vila, onde se darán cita máis dunha ducia de persoas ata o 1 de decembro. Por último, no Porriño terá lugar un obradoiro de “Canta avoas”.

O sábado 4 de novembro comezará os outros dous obradoiros. Un de “Xabóns naturais con receitas da avoa” no concello de Vila de Cruces e en Tomiño de “Risoterapia creativa anti estrés”. No caso de Vila de Cruces, serán 24 as persoas que se beneficien desta iniciativa para aprender a elaborar xabóns naturais artesáns ata o 23 de decembro e en canto a Tomiño serán máis de 20 as persoas que participarán neste curso tamén ata o 23 de decembro.

“Tecendo Lazos”, unha iniciativa do servizo de Cohesión Social e Xuventude á que a institución provincial destina 60.000 euros, ten o obxectivo de fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre. Estas actividades están destinadas a persoas de distintas xeracións dunha mesma familia, para a adquisición de lazos afectivos entre elas, dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Ademais, impulsaranse estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

En xeral, “Tecendo lazos” oferta cinco temáticas de obradoiros diferentes: “Risos en familia”, “O noso son”, “Xogos e xoguetes tradicionais. Xogando en familia”, “Faino ti mesmo” e “Rastrexos”. Como novidade, este ano, os obradoiros levan incorporado un módulo titulado “A historia do meu concello” no que se fará partícipe ás persoas participantes na recompilación de relatos e historias dos concellos da provincia nos que se desenvolvan as actividades.

 

- Publicidade -spot_img