
Por equipos o Kayak Tudense-Axuda Paramos ocupou unha meritoria terceira posición, nunha competición na que os deportistas galegos que se desprazaron á capital andaluza sumaron quince metais
Esta fin de semana celebrouse nas instalacións do CEAR na illa da Cartuxa en Sevilla o L Campionato de España de Inverno junior, sub23, senior e paracanoe. Despois dunha primeira xornada onde se conseguían uns excelentes resulta coa obtención de oito medallas para os representante galegos, a xornada do domingo presentábase con expectativas moi altas para os nosos deportistas.
A clasificación por equipos deixábanos ao Kayak Tudense-Axuda Paramos en terceiro lugar con 1933 puntos, mentres que o Piragüismo Aranxuez sumaba 2226 puntos para levar o triunfo no campionato, segundo con 1986 puntos foi o Náutico Sevilla. Ademais entre os dez primeiros do campionato atópanse con 1174 puntos o E. P. Cidade de Pontevedra e noveno o Club As Torres Romaría Viquinga con 876 puntos.
Este campionato de inverno deu boa mostra do potencial galego, durante todo o campionato os padeeiros autonómicos demostraron que Galicia é unha potencia a nivel nacional, conseguindo 15 medallas, das cales cinco foron de ouro, tres de prata e sete de bronce.
Nesta edición 2019 na categoría xuvenil conseguíronse as medallas de ouro de Manuel Fontán ( Núatico O Muiño) en C1 e as dúas de bronce para os deportistas do E. P.Cidade de Pontevedra Martín Jácome e Nuria Rodiño. Ademais Lara Feijoo (Kayak Tudense-Axuda Paramos) e Miguel Paz (Piragüismo Verducido) alcanzaron unha meritoria cuarta praza nas súas probas de kaiak.
Como non podía ser menos a categoría sub 23 tamén nos deixou varias preseas. David Barreiro do Náutico Rodeira gañou en C1, mentres que Jaime Duro do E. P. Cidade de Pontevedra cruzou a liña de meta en terceira posición. O mellor galego na final de K1 foi Iago Monteagudo do Club Naval de Pontevedra, o novo padeeiro realizou unha excelente regata ocupando en todo momento as prazas dianteiras, o mozo pontevedrés colgouse o ouro despois de realizar un do mellores sprint do campionato xunto ao asturiano Pablo Roza, a falta de 30 metros para meta Montegudo superou ao seu compañeiro para pasar a liña de chegada en solitario, Iago mellora así, o terceiro posto da edición pasada.

As últimas regatas da mañá foron as correspondentes á categoría senior. Sería na final da canoa masculina onde o Club Breogán do Grove demostraba o seu potencial conseguindo os dous primeiros postos do podio. Tono Campos que debutaba neste 2019, proclamábase campión de inverno por diante de Diego Romero e o tudense Manuel Garrido,.

Por último, a proba de kaiak para os homes senior daba comezo ás 13:05 coa presenza na liña de saída de 35 deportistas galegos. Despois de vinte minutos de carreira todo decidíase nun bonito sprint entre Francisco Cubelos, Iván Alonso e Javier Hernánz. Sería o castelán manchego Cubelos o que levase o ouro por diante de Alonso e Hernánz. O piragüista tudense agora nas filas do Piragüismo Olívico realizou unha regata moi táctica onde reservou forzas para poder chegar con opcións de triunfo ao final da carreira.



