Inicio Galicia Lanzamento oficial das rutas Camiño de Santiago en Portugal, no Alentejo e...

Lanzamento oficial das rutas Camiño de Santiago en Portugal, no Alentejo e Ribatejo

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou hoxe en Portugal no lanzamento oficial das rutas Camiño de Santiago no Alentejo e Ribatejo. Trátase dun proxecto que, baixo o lema “Un segredo ben gardado”, vai sinalizar e fomentar estes dous grandes camiños, maioritariamente rurais, que en total suman máis de 900 quilómetros xa sinalizados.

Concretamente, o proxecto desenvolvido por Turismo do Alentejo e Ribatejo, en colaboración coa Xunta de Galicia e con diferentes entidades vinculadas ao Camiño de Santiago, contempla a sinalización de dous trazados: o Caminho Nascente e o Caminho Central. Estes dous itinerarios, moi diferentes en costumes e tradicións nos que os peregrinos se atopan con paisaxes e experiencias complementarias, atravesan 30 municipios do país veciño.

Durante a presentación, a comisaria do Xacobeo 21, que se referiu a esta cita como “un día histórico para Galicia e Portugal”, puxo en valor a estreita colaboración entre as dúas rexións “especialmente no Camiño de Santiago” e salientou o papel vertebrador da Ruta Xacobea. Neste sentido, Cecilia Pereira precisou que na actualidade lévanse a cabo “moitas accións conxuntas entre Galicia e Portugal” e que moitas destas iniciativas están dirixidas precisamente a potenciar os itinerarios que transcorren polo país veciño e cuxo principal obxectivo é preservar o legado xacobeo en Portugal.

Cecilia Pereira incidiu en que a celebración do Xacobeo 21 “é un gran reto para todas as localidades polas que pasa o Camiño e Portugal está chamado a ter un papel protagonista, porque temos claro que o vindeiro Ano Santo non é algo exclusivo dunha única comunidade autónoma, nin dunha soa administración nin dun único país”.

Autoridades portuguesas

Á presentación destas rutas acudiron a secretária de Estado do Turismo de Portugal, Ana Mendes; o presidente de Turismo do Alentejo e Ribatejo, António Ceia; a directora regional de Cultura do Alentejo, Ana Paula Amendoeira; o presidente da Câmara Municipal de Santiago do Cacém, Álvaro Beijinha; o bispo de Beja, Dom João Marcos; o bispo de Portoalegre- Castelo Branco, Antonino Eugénio Fernandes; e o arcebispo de Évora, Francisco José Villas-Boas, así como numerosos alcaldes das localidades polas que transcorren estas rutas e as federacións española e portuguesa de asociacións de amigos do Camiño.

As actividades programadas por hoxe complétanse coa celebración dunha mesa redonda na que participa o director de Administración e Relacións coas Asociacións do Camiño de Santiago, Isaías Calvo e coa presentación oficial da película Caminhos de Santiago Alentejo Ribatejo, un filme impulsado por Turismo do Alentejo e Ribatejo para promocionar estas dúas rutas.

Cómpre destacar que o Camiño Portugués é un dos máis frecuentados polos peregrinos. Tanto é así que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa supoñen o 25% do total de peregrinos cos que conta a Ruta Xacobea.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies