O cociñeiro do restaurante Faro (Oia) protagoniza un vídeo que se presentará maña mércores na caseta de Turismo de Galicia baixo o lema “Degusta”
O chef Javier Fins, representará á cociña do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño en Fitur o vindeiro mércores, 18 de xaneiro. O cociñeiro é o protagonista dun vídeo que se presentará na feira madrileña na caseta de Turismo de Galicia que baixo o lema “Degusta” repasa algúns dos produtos máis características do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como é o choco de Redondela, o pan do Porriño, o ourizo de mar ou as angulas. En total, Fins representará a un total de 14 localidades do sur da provincia de Pontevedra entre as que se atopan A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui.
Javier Fins é o máximo responsable dos fogóns do restaurante Faro (Oia) desde fai máis dunha década. Desde entón, creou un estilo propio de cociña onde o Atlántico é o principal protagonista pero con incursións tamén cara ás cociñas do mundo situando a cociña do Baixo Miño á vangarda. Fins forma parte da xeración de cociñeiros galegos que apostaron por innovar cada día na cociña da súa terra, respectando por encima de todo o produto local e de tempada. Estradense de nacemento, unha das características da cociña de Javier Fins é o uso da auga de mar en moitas das súas elaboracións e a presenza de algas nalgúns dos seus pratos. De feito, Talaso Atlántico cultiva un tipo de microalga que o chef utiliza na súa cociña.