A Concellería de Cultura, a través do Museo Municipal “Quiñones de León” de Castrelos, promove a exposición “Pinceladas do esquecemento. Elina Molins e Blanca Chao. Artistas viguesas no século XIX” que inaugura mañá venres, 28 de xullo, ás 11:30 h, na planta baixa da Pinacoteca FFR
Máis de 100 anos tiveron que transcorrer para que se presente nun centro de arte a obra destas dúas grandes pintoras de Vigo: Elina Molins, Blanca Chao. Autoras que ata hoxe practicamente non existían. Mudou a súa época, a súa historia agochouse en pequenas notas de hemeroteca. Os seus magníficos cadros sen embargo permanecían, ocultos en domicilios particulares, maiormente en man dos seus descendentes, fóra en definitiva da mirada pública.
Na inauguración da exposición estiveron presentes familiares das pintoras, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a tenente de alcalde, Carmela Silva e o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, que estiveron acompañandos en todo momento polo comisario da exposición, José Luis Mateo
O museo municipal “Quiñones de León” ten a honra de sacar da sombra do esquecemento estas obras de asombrosa factura e calidade, moi por riba do que se esperaría dunhas pinturas de afeccionadas. Cerca de 40 pezas presentadas baixo unha mirada actual e contemporánea; poñendo en valor, en definitiva, ás dúas pintoras, facéndoas accesibles á mesma comunidade que as veu nacer máis dun século antes, a cidade de Vigo.
As lembranzas sobre lenzo de dúas mulleres da alta burguesía viguesa que pintaban as súas paisaxes preferidas… Vigo, Baiona, A Toxa, Sevilla, Biarritz; que facían retrato dos seres queridos e dos anónimos, persoas, mascotas…; de esceas que falan da súa vida íntima e cotiá. Estas obras presentadas no seu contexto social e cultural arroupadas meticulosamente por outros cadros, moitos asinados por mulleres; por documentos, obxectos persoais… préstamo de particulares e de institucións como o Museo de Pontevedra, a Fundación Penzol ou a Fundación Rosalía de Castro.

En definitiva unha exposición reveladora que sen dúbida vai marcar un antes e un despois na historia da creación plástica feminina en Galicia, na historia da arte galega.
A mostra permanecerá aberta ao público até o 21 de xaneiro de 2024




