Inaugurada no Paseo Marítimo de Panxón, en Nigrán, a mostra ‘Resalire’ do fotógrafo Fuco Reyes, unha serie de imaxes contra a estigmatización da mocidade tutelada.
A exposición chega a Nigrán no marco da campaña #StopOdio, que desenvolven a ONG Igaxes e o Concello de Nigrán, co apoio de Brais Méndez, para combater o odio na sociedade e promover valores de respecto e igualdade.
“Cada unha destas imaxes é unha ollada ao mundo persoal de cada moza e mozo, que nos leva ás súas vidas, aos seus soños e ás súas inquedanzas. Para entender hai que coñecer, iso fainos máis empáticos”, comentou na inauguración o director de Igaxes, Carlos Rosón. “Estamos moi orgullosos de acoller esta exposición en Nigrán porque a nosa máxima é, precisamente, construír entre todos un municipio amigable no que ninguén se sinta excluído”, engadiu o alcalde de Nigrán, Juan González.
‘Resalire’ é unha exposición de fotografía composta por 15 pezas, 15 conversas entre fotógrafo e retratado, que percorren o pasado para aproximarse ao futuro, aos soños. Cada unha das imaxes de Resalire é unha reflexión íntima entre o fotógrafo e as persoas retratadas, que pretende dialogar co observador para rachar con estigmas e prexuízos que pesan sobre as costas destas mozas e mozos. Para Fuco Reyes, autor da mostra, os retratos “teñen o poder de conectar ás persoas con só unha mirada”.
Brais Méndez, a ONG Igaxes, o Concello de Nigrán convidan a toda a comunidade a participar e a unirse na loita contra o odio e a exclusión social. Detectar o discurso de odio e facerlle fronte, fomentar a empatía, evitar a linguaxe ofensiva, facer un uso responsable das redes sociais e participar na construción dunha sociedade máis inclusiva son algunhas das accións que cada individuo pode fomentar.




