Os próximos 21 e 22 de marzo, a Concellería de Xuventude do Concello do Grove, dirixida por Alfredo Bea, vai desenvolver as III Xornadas de Música Tradicional e o III Concurso de Xoves Gaiteiros Solistas Concello do Grove, que terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, coa colaboración da Asociación Cultural Cantodorxo.
Xornadas
Concretamente, o sábado día 21 celebraranse as Xornadas de Música Tradicional, con obradoiros de pandeireta e canto tradicional en horarios de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e que son totalmente gratuítos. Este obradoiro está dirixido por Davide Salvado, pandeireteiro con gran traxectoria no mundo da música tradicional galega.
O obradoiro constará dos seguintes contidos:
– Técnica vocal e interpretación
– Técnica de pandeireta
– Repertorio tradicional galego
Concurso
O concurso terá lugar o domingo 22 de marzo en xornada de mañá e tarde e vai dirixido a xoves gaiteiros nados entre os anos 1991 e 2001.
Pola mañá, os concursantes teñen que interpretar durante un máximo de tres minutos unha peza obrigatoria todos eles as 11.30 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro. A peza obrigatoria escollida para a xornada da mañá é a Xota de Forcarei.
Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, os concursantes nesta quenda, vestidos con vestiario galego tradicional, interpretarán unha peza tradicional de libre elección. Ao remate, os compoñentes do xurado, que son os mestres Iván Costa e Francisco Estévez e mais Ramón Vázquez Acha (O Chilro) decidirán quen serán os gañadores dos premios que hai no concurso, a saber:
1.º premio de 500 €
2.º premio de 300 €
3.º premio de 150 €
Premio ao mellor acompañamento de 150 €
Tanto para o concurso como para o obradoiro pódense consultar e descargar as bases e as follas de inscrición na páxina web do Concello do Grove e na da Asociación Cultural Cantodorxo.



