spot_img
InicioGaliciaIgualdade incide na importancia da labor dos medios de comunicación na loita...

Igualdade incide na importancia da labor dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero

 

igualdadeA secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella incidiu na importancia dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero no marco da inauguración do curso sobre Igualdade e tratamento mediático da violencia de xénero, que ten lugar na sede da Escola Galega de Administración Pública, hoxe e mañá.

López Abella destacou que para acadar o obxectivo dunha imaxe igualitaria e non estereotipada resulta imprescindible a formación e a sensibilización, e os medios de comunicación supoñen unha ferramenta de cambio social fundamental coma transmisores responsables das noticias relacionadas coa igualdade entre homes e mulleres e coa violencia de xénero.

Segundo resaltou a titular de Igualdade, o papel dos medios de comunicación é clave na loita contra a violencia de xénero, coma ferramenta que serve de plataforma para denunciar as agresións, á vez que son tribuna dende a que se pode concienciar á sociedade de que esta violencia contra as mulleres é un delito, polo que constitúen un piar fundamental para acadar o logro da Igualdade entre mulleres e homes

Este curso encádrase no marco do VI Plan Galego para a Igualdade entre Mulleres e Homes (2013-2015), que ten coma obxectivo velar por unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes nos medios de comunicación e na publicidade.

Ao longo destes dous días, o curso que está organizado pola Secretaria Xeral de Medios e pola Secretaria Xeral de Igualdade, abordará aspectos coma o Tratamento de igualdade e da violencia de xénero nos medios de comunicación; o sexismo na publicidade; tratamento da violencia de xénero no cine; Violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables: menores, mulleres con discapacidade, mulleres maiores; Violencia de xénero dende a perspectiva policial: as actuacións das forzas e corpos e seguridade e asistencia as vítimas; e conciliación e corresponsabilidade xa que resulta imprescindible promover a sensibilización a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida persoal, social, laboral e familiar.

- Publicidade -spot_img