A Guarda acollerá ata o domingo, diversas actividades culturais para gozar ao aire libre en diferentes puntos da vila. Ademais dunha variedade de exposicións -pintura, fotografía ou filatelia- que permanecerán abertas durante a fin de semana.
Catro exposicións para visitar:
Ata este sábado poderedes visitar no Centro Cultural a exposición fotográfica “De Pontevedra a Río 2016”, unha homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos dos Xogos de Río celebrados o pasado ano.
Pola súa parte, a exposición “20 anos a Fondo coa solidariedade” estará ata o domingo na Praza do Reló, ofrecendo un repaso das accións emprendidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante os seus 20 anos de actividade.
Tamén ata o domingo, permanecerá na Casa dos Alonso a XXI Exposición Filatélica “Exfimiño 2017”. Organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, a mostra permanecerá aberta de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.
Máis tempo teremos para visitar a exposición de pintura ao óleo “Catro médicos polo Baixo Miño”, que estará ata o 24 de setembro no Centro Cultural cunha colección de creacións artísticas elaboradas por médicos da comarca apaixonados da pintura.
Lembramos que o horario do Centro Cultural ata o 15 de setembro será de 9 a 14 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados. A partir do 16 de setembro, comezará o horario de inverno: de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábado.



